viernes. 19.04.2024

O Concello de Tui e a Zona Franca de Vigo van estudar a ampliación do Parque Empresarial de Areas. Así o acordaron esta mañá o alcalde, Enrique Cabaleiro, o delegado da Zona Franca, David Regades. Na casa do concello mantiveron unha reunión á que tamén asistiron os concelleiro Ana Mª Núñez, Sonsoles Vicente, Yolanda Rodríguez, Laureano Alonso, José Ramón Magán e Rafael Estévez, e técnicos de Zona de Franca

O alcalde, Enrique Cabaleiro, e o delegado de Zona Franca, David Regades, comprometéronse a redactar un convenio de colaboración que estude a ampliación e desenvolvemento desta superficie empresarial en 200 mil metros cadrados.  O parque empresarial de Areas conta cunha estratéxica situación, e verá mellorada a súa comunicación co novo acceso que terá coa A55 e coa VAP Tui-A Guarda.

O goberno municipal de Tui sitúa entre as súas prioridades “a viabilidade das empresas, dispor de chan industrial para atraer investimentos a Tui,  consolidar o emprego existente e crear novos postos de traballo”, segundo explicaba o alcalde, Enrique Cabaleiro. En concreto  indicaba o rexedor que a ampliación do chan industrial de Areas tería coma obxectivo “consolidar a oferta existente e atraer novas empresas”.

O delegado de Zona Franca, David Regades, destacou coma nestes momentos na provincia se rexistra máis demanda que oferta de solo industrial.  Por iso apuntaba que esta posible ampliación “é unha gran iniciativa”, sinalando que “creemos que este polígono vai ser un polígono de éxito e máis se vai co selo de Zona Franca de Vigo”. Destacaba a vantaxe xeográfica que ten Tui pola súa cercanía en Portugal”, e nese subliñaba que temos que ver en “Portugal un aliado estratéxico” e Tui é unha porta importante a Galicia dende Portugal é Tui”.

Amais do traballo que se está a realizar para a posible ampliación do Parque Empresarial de Areas, o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, lembraba tamén a xestión realizada nos outros solos industriais do municipio. Así explicaba que nestes momentos esta en fase final a reordenación definitiva do chan industrial de Ribadelouro, en breve aprobarase inicialmente a reordenación do chan industrial de Baldráns, e estase a traballar na reordenación do chan industrial de Guillarei.

Ampliación do Parque Empresarial de Areas