jueves. 28.03.2024

Mañá martes, 9 de

xuño, conmemórase o Día Internacional dos Arquivos, unha cita que se celebra en

todo o mundo coincidindo coa data de creación do Consello Internacional de

Arquivos (ICA) en 1948 baixo os auspicios da UNESCO.

A actual crise

sanitaria impide ao Arquivo Municipal tudense celebrar esta data con

actividades en colaboración co Arquivo Municipal de Valença, dando continuidade

ao Obradoiro de conservación de papel celebrado o pasado ano. Porén esta

celebración é unha chamada de atención sobre o triplo papel que os arquivos

desempeñan na nosa sociedade como ferramenta na defensa dos dereitos dos

cidadáns, como centros que aseguran a protección da memoria e do patrimonio

documental, e como garantía de transparencia no funcionamento das

Administracións públicas.

Non en balde, o Consello Internacional de Arquivos elixiu a lema 'Empoderar Sociedades do Coñecemento' como leitmotiv para a conmemoración da Semana Internacional dos Arquivos deste ano 2020. Na era dos feitos alternativos, as noticias falsas, a desinformación e as ameazas á seguridade cibernética, os arquivos logran garantir a fiabilidade e evidencia nos rexistros documentais, na información e nos datos que se pon a disposición da sociedade. E o Arquivo Municipal de Tui contribúe a este obxectivo cos documentos que se gardan nos depósitos situados na Casa do Concello tudense.

O Arquivo

Municipal recolle documentos dende 1.597 ata a actualidade. Está composto por

máis de 6.200 unidades de instalación cos instrumentos suficientes para o seu

manexo e control, especialmente a base de datos do inventario descritivo formado

por mais de 35.500 rexistros que detallan a nivel de expediente a maior parte

dos fondos.

Dende o 1 de

outubro de 2012 no Arquivo Municipal atópase tamén a documentación histórica do

Concello de Tui depositada no Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra dende

o ano 1943. Esta documentación consta de 145 libros, de entre os anos 1597 e

1834, en soporte papel e encadernados en pergameo. Deles, 115 corresponden aos

libros de acordos municipais e cartas ordes de 1597 – 1775; 5 libros con

documentación varia de 1705-1771; 16 libros de copias das actas da Xunta do

Reino de Galicia entre os anos 1608 e 1834 e 3 libros Reais do Catastro do

Marqués da Ensenada da cidade de Tui e freguesía de San Xurxo de Saiáns.

Como curiosidade se conserva un pergamiño,

escrito en portugués, datado en 1688, que facía de tapa doutro documento sen

data, referido a un “Prorrateo de aguas de la Virgen del Camino en la parroquia

de Revordanes hecho por Don Juan Gil de la Barrera vecino de la ciudad de Tui”.

Este pergamiño, que inicialmente

non ten relación co documento que resgardaba, é unha “carta de quitaçao” dada

polo rei de Portugal Pedro ós herdeiros de Ignacio Monteiro de Souza,

almoxarife falecido que prestaba os seus servizos na “Caça do Passo da

Madeira”.

Pese a que a maior

parte da documentación corresponde ao século vinte e vinteun aínda se aprecia

un elevado volume documental do dezanove, destacando os libros de actas

municipais dende 1782, con documentos de quintas dende 1874, de patrimonio

dende 1849, de persoal ou contratación dende 1874, dos presupostos municipais

dende 1845, dos padróns de habitantes dende 1884 ou das eleccións dende 1891.

No Arquivo

Municipal tudense se conserva tamén o fondo do carcere do partido xudicial,

recuperado no seu momento por Aquilino G. Santiso. Este fondo contén

información continuada, especialmente sobre os reclusos, dende 1897 ata 1960

figurando en diversas series documentais, tanto de expedientes (follas

histórico-penais de penados, expedientes persoais de reclusos, expedientes procesais

de reclusos, pases de penados, mandamentos de prisión y de liberdade e

notificacións acordos de prisión e liberdade), coma de rexistros ( libro de

entrada e saída de presos, libro rexistro de presos con condena de arresto

maior, libro rexistro de presos preventivos). As súas condicións de

conservación son precarias, pero é un dos fondos máis demandados por

investigadores de temas relacionados coa memoria histórica.

Nunha época de profundas transformacións, unha das necesidades críticas que a pandemia puxo de manifesto é a urxencia de dixitalizar a sociedade. A documentación histórica do Arquivo Municipal tudense asi como as actas de sesión do Pleno e das Xuntas de Goberno (que tiveron diversos nomes ao longo do tempo) foron dixitalizadas gracias ao programa Arpad e están accesibles para todos os interesado na biblioteca dixital de Galicia, Galiciana http://arquivo.galiciana.gal/arpadweb/es.ga.15078.ag/es/consulta/registro.do?control=ADGD20160032604 ,  así como no portal Atopo da Deputación Provincial de Pontevedra: https://atopo.depo.gal/Search/Results?type=AllFields&filter[]=institution:Arquivo%20municipal%20de%20Tui e en breve prazo tamén na web do Concello de Tui.

No último ano o Arquivo Municipal tudense ten continuado co seu labor de integración dos fondos documentais dos diversos servizos municipais ao tempo que da resposta, nun prazo cada vez mais reducido, ás máis de cincocentas consultas producidas tanto dende a propia Administración Municipal como por cidadáns que reclaman o acceso á documentación. Calquera cidadán pode solicitar aquela documentación que precisa, presentado on line a correspondente solicitude: http://www.tui.gal/sites/default/files/documentos/concello-de-tui-impreso-solicitude-acceso-documentacion-arquivo-municipal.pdf

Estes traballos

están en total sintonía coa lema da campaña promovida polo Consello

Internacional de Arquivos: "empoderar sociedades do coñecemento", un

obxectivo ao que os arquivos deben chegar, segundo propón o citado Consello,

por tres vías. En primeiro lugar, promovendo a Preservación Dixital e as

Tecnoloxías Emerxentes no seu traballo. En segundo lugar, promovendo o

coñecemento sustentable, alicerce fundamental para lograr o desenvolvemento

sustentable e para protexer os nosos fondos documentais fronte ao cambio

climático, o roubo ou o tráfico ilícito, á vez que para examinar o noso impacto

na sociedade e no medio ambiente. Por último, na era dos "feitos

alternativos", as noticias falsas, a desinformación e as ameazas á

seguridade cibernética, os arquivos logran este obxectivo tamén ao garantir,

grazas ás súas boas prácticas, fiabilidade e evidencia nos rexistros

documentais, na información e nos datos que pon a disposición da sociedade.

O Arquivo Municipal tudense recolle documentos dende 1.597 ata a actualidade