miércoles. 24.04.2024

A Xunta de Galicia súmase á celebración do Día dos Arquivos o vindeiro martes 9 de xuño, cun amplo abano de actividades de lecer que se realizará nos seus centros ao longo de toda a semana e que inclúe desde mostras dixitais, publicacións, microhistorias ou divulgación de contidos. A maioría destas iniciativas serán virtuais, dixitais e multimedia, quedando limitadas as actividades presenciais ao ter en conta a actual crise sanitaria e o proceso de desescalada no que nos atopamos.

O epicentro das actividades programadas pola Xunta de Galicia estará nos arquivos, os principais protagonistas desta efeméride. Así, o Arquivo do Reino de Galicia, na Coruña, ten prevista unha mostra virtual sobre a presencia dos ríos en Galicia e a súa interacción coa paisaxe e as xentes a través dos documentos conservados no centro, especialmente dos documentos gráficos e figurativos. Esta mostra poderase visitar a través da páxina web do Arquivo ao longo de toda a semana.

O Arquivo Histórico Provincial de Lugo compartirá un dos seus documentos singulares, que nesta ocasión será un ditame da Sociedade Económica de Amigos do País de Lugo, polo que se propón abrir unha escola de nenas na cidade de Lugo en 1841. Ademais do tríptico en papel, elaborarase unha versión para compartir cos arquivos, bibliotecas e museos de Galicia e cos arquivos españois.

SEDE OURENSE

As redes sociais serán o principal escaparate das actividades que se celebren no Arquivo Histórico Provincial de Ourense, onde cada día difundirán unha microhistoria con recursos e actuacións na contorna do convento de San Francisco. Ademais, levará a cabo unha actividade de participación cidadá para recompilar recordos e experiencias vividas no convento e cuartel de San Francisco, a que será a nova sede do arquivo proximamente.

O Arquivo Histórico de Pontevedra, pola súa banda, conmemorará esta data coa exposición virtual Os fondos documentais do arquivo como fonte para a investigación histórica e ao servizo dos cidadáns, na que se reunirán documentos custodiados no arquivo que permiten resolver problemas actuais como o catastro de Ensenada, os catastros de rústica e urbana, os rexistros fiscais, os cadernos de campo ou os libros de licencia fiscal, de actividades comerciais e industriais. Tamén se exporán imaxes do propio edificio e se realizará unha retrospectiva sobre o Día Internacional dos Arquivos, desde o 2012 ata o 2019.

#UNARCHIVOES

O Arquivo de Galicia, na Cidade da Cultura, tamén participará no Día dos Arquivos con actividades ao longo de toda a semana. Neste sentido, o propio día 9 de xuño compartirá nas súas redes sociais a campaña #UnArchivoEs do Consello Internacional de Arquivos. Trátase dunha iniciativa que ten como obxectivo invitar á comunidade arquivística a compartir opinións sobre o que é un archivo.

Ademais, coa finalidade de facer visible o papel dos arquivos e a importancia do traballo que neles se desenvolve, o Arquivo de Galicia está a preparar a exposición virtual Arquivo de Galicia. Memoria dunha década co propósito de difundir a actividade desenvolvida desde a súa creación, no ano 2010.

Estas iniciativas compleméntanse coa divulgación de pequenas cápsulas informativas sobre os distintos espazos do Arquivo e as actividades que neles se realizan a través das redes sociais.

Día Internacional dos Arquivos