jueves. 18.04.2024

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe unha nova liña de axudas dotada con 6 millóns de euros para grandes empresas galegas que impulsen a creación de centros de fabricación avanzada, é dicir, infraestruturas de uso aberto e compartido con outras empresas para desenvolver a base industrial de Galicia e fomentar a competitividade.

“A empresa que recibe a subvención ten o compromiso de facilitar que empresas do seu sector ou ramo poidan empregar ese edificio de acordo cunha tarifa de prezos públicos previamente pactada”, sinalou Feijóo, ao tempo que avanzou que os apoios previstos poderán acadar ata o 60% do investimento en cada novo espazo que se poña a funcionar.

Así mesmo, as axudas –que se concederán en réxime de concorrencia competitiva– poderán acadar os 2,5 millóns de euros por cada un deles e facilitaranse anticipos unha vez concedidas. E cubriranse, entre outros, os seguintes gastos: investimentos en activos fixos pola realización de obras e reformas e a adquisición de edificacións e bens de equipamento, como maquinaria.

Primarase que as infraestruturas creadas se integren nos dous Hubs de innovación dixital que a Comunidade impulsa, mediante a colaboración público-privada, para achegar ás pemes as solucións tecnolóxicas que precisan.

Así, o proxecto impulsado por Ceaga beneficiará a sectores como a automoción, o agroalimentario, o naval, o forestal e o téxtil; mentres que Datalife –promovido por Bioga– prevé ofrecer servizos ás cadeas de valor da biotecnoloxía, a saúde, o forestal, o agroalimentario e o ámbito mar-industria.

Máis de 16 millóns para que os concellos contraten a máis de 1.600 desempregados

Tamén na páxina económica e no eido do fomento do emprego local, Feijóo destacou tres ordes de axuda que permitirán que os concellos galegos contraten un total de 1.624 persoas sen emprego grazas a un investimento de 16,1 millóns de euros. Trátase dos apoios para persoas perceptoras da Risga, Aprol Rural e persoas desempregadas para que desenvolvan obras e servizos de interese xeral e social.

En primeiro lugar, avanzou un total de 7,6 millóns de euros para a contratación de persoas perceptoras da Risga, un apoio do que se beneficiarán un total de 643 persoas de 149 concellos, co obxectivo de proporcionar aos beneficiarios a experiencia e práctica profesional necesarias para facilitar a súa inserción laboral, a través dun contrato que será subvencionable durante 9 meses.

Aprol Rural contará con case 7 millóns para a contratación de 505 persoas desempregadas, en 282 municipios, para a realización de tarefas relacionadas, maioritariamente, coa prevención de incendios nas faixas secundarias definidas pola Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.

Como novidade con respecto a anteriores edicións, os concellos rurais de menos de 2.000 habitantes poderán contratar persoas que xa fosen contratadas por un período igual ou superior a 9 meses, con cargo a axudas concedidas no ano 2019, pola Xunta no eido da colaboración coas entidades locais e sen ánimo de lucro.

Por último, a Xunta investirá 1,5 millóns para apoiar a contratación de 476 persoas sen emprego, en 175 concellos, para a realización de traballos relacionados, maioritariamente, coas tarefas de socorrismo e salvamento.

Novo supercomputador CESGA

Por último, Feijóo resaltou un convenio de colaboración entre o Centro de Supercomputación de Galicia e o Ministerio de Ciencia e Innovación para a compra dun novo supercomputador que permitirá: multiplicar por seis a capacidade de cálculo do actual supercomputador e proporcionar servizos de almacenamento de moi alta capacidade.

Co obxectivo de que poida estar instalado en marzo de 2021, o novo supercomputador permitirá que tanto os centros de investigación e tecnolóxicos como as empresas galegas sigan liderando proxectos de I+D+i.

Deste novo supercomputador beneficiaranse os investigadores das universidades galegas, do CSIC e dos centros tecnolóxicos galegos; os proxectos punteiros, como os de investigación aplicada ao descubrimento temperán de fármacos e ao desenvolvemento de novos materiais; os proxectos de ultrasecuenciación e xenómica, de astrofísica participados pola Axencia Espacial Europea, e de altas enerxías desenvolvidos por grupos galegos en colaboración co CERN; e os desenvolvementos ligados á reconstrución de imaxe médica de alta resolución e os relacionados coa covid-19, entre outros.

O presidente do Goberno galego confirmou que esta infraestrutura terá un custo total de 7 millóns de euros.

A Xunta lanza unha nova liña dotada con 6 millóns para grandes empresas galegas que...