O pasado 24 de febreiro a conselleira de Política Social, Fabiola García, visitaba acompañada pola alcaldesa mosense, Nidia Arévalo, e a concelleira de Política Social e Igualdade, Sara Cebreiro, a unidade de atención temperá do Concello de Mos. ARQUIVO.

Mos reanuda o servizo de Atención Temperá o 15 de xuño

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira de Política Social e Igualdade, Sara Cebreiro, informaron esta mañá na 14ª reunión da Comisión de Seguemento da Evolución do COVID-19 en Mos de que está programado retomar o servizo de Atención Temperá que se desenvolvía nas instalacións da ludoteca de Louredo (antigas Ecolas Unitarias) por parte de Aceesca, que se interrompeu por mor da crise sanitaria do coronavirus.

A reanudación do servizo está prevista para o vindeiro 15 de xuño e o anuncio da mesma coincide coa recepción por parte do Concello da resolución favorable da concesión da subvención autonómica de preto de 100.000 euos para a prestación deste servizo municipal. A axuda concedida pola Xunta de Galicia para o Desenvolvemento deste programa durante o presente ano 2020 ascende a 99.110,70 euros e o Concello de Mos asume un 10% do custe total anual do servizo.

Esta axuda enmárcase nas subvencións ás entidades locais para a prestación de servizos no marco da Rede Galega da Aención Temperá cofinanciadas pola Unión Europea no marco do Programa Operativo FSE Galicia 2014-2020.

Para coordinar a reapertura de cara ao vindeiro 15 de xuño, a semana que ven comezarase a chamar por teléfono ás familias dos 46 nenos e nenas mosenses que actualmente se benefician do servizo para darlles cita.

O obxectivo deste programa municipal de Atención Temperá é promover a igualdade, a saúde e a inclusión social mediante un conxunto de intervencións dirixidas á poboación infantil de 0 a 6 anos con trastornos do desenvolvemento ou en risco de padecelos, a súa familia e contorno, co fin de facilitar a súa autonomía persoal e a dita inclusión.

O pasado 24 de febreiro a conselleira de Política Social, Fabiola García, visitaba acompañada pola alcaldesa mosense, Nidia Arévalo, e a concelleira de Política Social e Igualdade, Sara Cebreiro, a unidade de atención temperá do Concello de Mos, e destacaba a importante labor que realizan os seus profesionais para axudar ás familias deste municipio e da súa contorna.

As nenas e nenos que acoden a este centro melloran a súa autonomía e calidade de vida grazas a un asesoramento individualizado e adaptado ás súas necesidades. Neste sentido, existe tamén unha gran implicación de traballadores e responsables de Aceesca para que así sexa.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada