jueves. 25.04.2024

A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), vén de publicar no Diario Oficial de Galicia (DOG) a nova convocatoria do programa de axudas por dous millóns de euros para impulsar a xeración de valor e a innovación nos procesos industriais do ámbito forestal. Está destinado ás pemes e micropemes que realicen segunda transformación e do sector contract. O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o vindeiro 29 de xuño.

As axudas, das que se espera que se poidan beneficiar arredor de 40 empresas do sector, alcanzarán un 50% dos investimentos e ata un máximo de 200.000 euros por beneficiario. Os proxectos terán por obxectivo aumentar a produtividade; a implantación de técnicas que permitan obter novos produtos ou produtos valorizados, ou implantar procesos que favorezan a minoración do impacto ambiental.

A través desta convocatoria, apóiase a compra de maquinaria nova vinculada aos procesos de produción da empresa e de secado da madeira e as obras e instalacións necesarias para a súa correcta instalación e funcionamento; a implantación de tecnoloxías da información e da comunicación, e outros bens de equipamento que formen parte do activo da empresa e interveñan no proceso produtivo.

Ademais, tamén se poden obter apoios para a implantación e certificación da cadea de custodia de madeira certificada, de normativas de calidade e plans de mellora de xestión empresarial. Como novidade, os proxectos desenvolveranse durante dúas anualidades para facilitar a execución do investimento polos beneficiarios.

Entre os criterios de valoración, prímase a creación de emprego e os postos de traballo indefinidos e para colectivos con maiores dificultades para acceder ao mercado laboral, e inclúese, entre outros aspectos, puntuación adicional se a empresa dispón do marcado CE para algún dos produtos que fabrique; se dispón de sistemas de xestión da calidade e se a xerente é unha muller.

AXUDAS

Neste ámbito, Xera tamén ten en marcha unha nova orde de axudas por 500.000 euros para a celebración de cursos de formación específicos con asociacións, fundacións e colexios profesionais do sector forestal, que prevé celebrar 130 accións formativas e chegar a 2000 profesionais. O prazo de presentación de solicitudes para esta convocatoria permanecerá aberto ata o próximo 15 de xuño.

A Xunta impulsa con 2M€ a innovación na segunda transformación da madeira e o sector...