jueves. 28.03.2024

A Xunta de Galicia acaba de convocar ás administracións, institucións e entidades participantes na organización do Centenario da Xeración Nós a unha reunión telemática para avaliar e acordar os termos da prolongación durante 2021 da celebración da devandita conmemoración cultural, coa que a Comunidade busca testemuñar un legado intelectual, artístico e literario de primeiro nivel, fundamental para comprender a cultura contemporánea do país.

Tendo en conta que a pandemia provocada pola covid-19 alterou considerablemente a meirande parte das programacións, ciclos e celebracións da cultura galega, entre elas o Centenario da Xeración Nós e, para tentar na medida do posible paliar esta paréntese obrigada polas restricións sanitarias, que aínda condicionan e limitan as programacións culturais, proponse acordar os termos para prolongar esta significativa efeméride, permitindo así completar as actividades e cumprir cos obxectivos conmemorativos.

En concreto, esta proposta será abordada de xeito conxunto co Consello da Cultura Galega, a Real Academia Galega, a Real Academia Galega de Belas Artes Nosa Señora do Rosario, a Real Academia Galega de Ciencias, a Deputación de Ourense, as tres Universidades do SUG, o Instituto Padre Sarmiento, o Museo do Pobo Galego, o Museo de Pontevedra, as Fundacións Otero Pedrayo, Vicente Risco, Castelao, Losada Diéguez, Alexandre Bóveda, Blanco Amor, Curros Enríquez, a AELG, o Centro PEN Galicia, Gálix e os concellos de Ourense e Rianxo.

ACORDO

O Parlamento de Galicia aprobou en novembro de 2017 instar a Xunta de Galicia a desenvolver un proceso de coordinación e de impulso das celebracións deste centenario que permita a implicación de distintas administracións públicas, institucións e entidades socioculturais.

Tras este acordo, constituíse o grupo de traballo para coordinar estas actividades iniciando así a planificación para conmemorar que se cumpre un século da fundación da revista Nós. Boletín mensual da cultura galega. Nesta liña, impulsarase unha programación diversa para homenaxear ao grupo de intelectuais galeguistas –Vicente Risco, Castelao, Otero Pedrayo, Antón Losada Diéguez, Francisca Herrera Garrido e Florentino López Cuevillas, entre outros- que contribuíron co seu labor, nas primeiras décadas do século XX, ao desenvolvemento, renovación e internacionalización da literatura e da cultura galegas.

Conmemoración do centenario da Xeración Nós