sábado. 20.04.2024

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira de

Cultura e Turismo mosense, Sara Cebreiro, presentaron a que desde o Concello

definen como ‘A Nosa Festa’: a Festa da Rosa do Concello de Mos, declarada de

Interese Turístico de Galicia.

Nesta ocasión, dadas as circunstancias excepcionais

que estamos a vivir a consecuencia da crise sanitaria do COVID-19, a Festa da

Rosa 2020 contará cunha programación íntegramente

dixital, a través das redes sociais municipais.

Sobre a mesma as representantes municipais, Arévalo e

Cebreiro, declararon que “a pesar de que sexa unha celebración diferente, coma

sempre fixémola con todo o cariño,

procurando manter o espíritu da nosa

festa tradicional e que o programa sexa un reflexo dos actos que viñan sendo xa un referente histórico pola súa

continuidade ano tras ano. Ademais, tamén coma sempre, quixemos que

fora do agrado de todos os públicos, tendo en conta a todos os colectivos

mosenses”. E é que son moitos os artistas, músicos, colectivos, asociacións

culturais e veciñais e clubes deportivos que colaborarán coas súas

intervencións on line no programa festivo. En total suman preto de 500

persoas de distintos colectivos as que participan este ano nas

festas.

Neste senso rexedora local e edil de Cultura agradécenlles

enormemente a súa participación aos colaboradores “sen a que, neste caso máis

que nunca, a nosa festividade grande municipal non sería posible. É de

agradecer que, en intres especialmente difíciles coma estes, os colectivos e a

sociedade mosense en xeral non só mantiveran o seu apoio ao Concello, senón que

incluso o reforzaran”, dixeron.

A Festa da Rosa 2020 nas redes contará con programación do 6 ao 21 de xullo. Os actos dixitais comezarán o 6 de xuño porque é o día que remata o loito nacional decretado en honra e memoria das víctimas do COVID-19. E precisamente o pregoeiro deste ano é un mosense que sabe moito e moi vinculado a esta crise sanitaria, e ao que lle temos que agradecer enormemente o seu labor durante a mesma; trátase de Ángel Pichel, veciño natural da parroquia de Pereiras e Xefe de Urxencias do Hospital Álvaro Cunqueiro.

A programación en redes da Rosa 2020 incluirá todos os días de luns a venres: saúdas, participación das asociacións, vídeos,

actuacións musicais, obradoiros e presentación do concurso de vídeos de rosas.

O sábado 6

de xuño haberá un obradoiro on line de empanada de pan de millo e publicarase

un vídeo do Torneo de Patinaxe Rosaleira. O domingo 7 publicarase un vídeo sobre o torneo de fútbol

“Memorial Juan Estévez, Nené” (no que aparecerán o Club Louro Tameiga, a U.D. Mos,

e o Alerta Club de Fútbol) e outro vídeo do Abrente Folk. O venres 12 haberá un saúda da

Asociación de Mulleres Rurais Val da Louriña e presentarase o vídeo oficial promocional da Festa da Rosa 2020.

O propio ‘Día da Rosa’, o sábado 13 de xuño, ás 12.00

horas, retransmitirase en directo en streaming a través da páxina de Facebook do

Concello de Mos o pregón a cargo de Ángel

Pichel, Xefe de Urxencias do Hospital A. Cunqueiro, seguido da intervención da alcaldesa,

Nidia Arévalo. Tamén se contará ese día cun vídeo da actuación da Banda

de Música Xuvenil de Torroso, un saúda e outro vídeo da actuación de Andrea Pousa.

O domingo 14

a concelleira de Cultura, Sara

Cebreiro, saudará e haberá tamén unha actuación infantil a cargo de

María Fumaça. O sábado 20

celebrarase a Xuntanza Virtual de Palilleir@s (a cargo da Asociación de

Palilleir@s de Mos). E o domingo, día

21 publicarase vídeos do Festival de Corais de Asomamos, Memorial Constante

Lago, e das Escolas de Patinaxe de Mos. Ese día realizarase tamén o fallo do

concurso de rosas e pecharase a

programación festiva coa gran Uxía Senlle.

Concurso

infantil de vídeos das vosas rosas

Oconcurso infantil de vídeos das vosas rosas’ consistirá en que os

participantes enviarán por correo electrónico os seus vídeos para potenciar a creatividade e sobre todo fomentar a

imaxinación d@s nos@s pequen@s artistas mosenses, enfocado exclusivamente para

o público con idades comprendidas entre

os 3 e os 14 anos.

A presentación do

vídeo poderá ser en galego ou en castelán. Presentaranos  a

través do vídeo as roseiras dos seus xardíns ou cerramentos. A duración máxima do vídeo será dun máximo

de tres minutos. En relación ao tema, convídase aos pequenos a

engadir tamén unhas verbas relacionadas coa roseira que nos presenta, na casa

de quen está, en que parroquia, descrición... Pódese engadir un desexo ou unha mensaxe de ánimo

facendo referencia a esta situación. Pídese tamén que dedique o vídeo

a un maior do seu contorno (que tamén pode aparecer no vídeo) e que

pode ser un avó, unha avoa, un veciño, veciña, amigo da familia... como heroes desta pandemia. Xunto no correo electrónico débese facer constar nome, idade, enderezo e

teléfono de contacto. Só se aceptará un vídeo por persoa. As rosas deberán

ser cultivadas nas leiras dos participantes ou da súa familia.

Publicaranse nas redes todos os vídeos enviados ata o xoves 18 de xuño. As obras deberán ser remitidas por mail ao enderezo: [email protected]

Todas as obras

recibidas serán publicadas e poderanse visitar no Facebook  do Concello de Mos, onde permanecerán

expostas para uso e desfrute de toda veciñanza. Establécense tres

premios iguais: set de

xardinaría para o cultivador e maillot oficial de Mos de La Vuelta 2020 co seu nome para

o nen@. O xurado estará formado por dous profesionais

do sector da xardinería-floristería, un representante dos centros educativos

(director/a CEIP) e unha representante dos centros de eduación infantil de Mos

(directora A Galiña Azul) e un/unha traballador/a do Concello (secretario/a do

xurado).

500 persoas de distintos colectivos mosenses participan este ano na primeira edición on...