viernes. 29.03.2024

O titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe na Deputación Permanente a importancia da detección precoz do virus para controlar rebrotes e avanzou que Galicia disporá de 400.000 novos test, dos cales 100.000 xa foron entregados ao Sergas. “En Galicia seguiremos facendo test, test e máis test. Esa foi a nosa vontade desde o primeiro momento, porque entendemos que o diagnóstico precoz, o illamento dos casos e a corentena dos contactos é a mellor receita para afrontar esta pandemia”, dixo, resaltando que, con este novo paquete de probas diagnósticas de dobre banda, a Comunidade reforza a súa capacidade de análise.

Nesta mesma liña, Feijóo lembrou que Galicia foi a primeira das autonomías en poñer en marcha o covid-auto para tomar as mostras de PCR con cita previa e está a manter un ritmo alto de probas diagnósticas -178.000 ata onte-. “E esforzámonos por testar unha das áreas máis sensibles, que son as residencias de maiores e de discapacidade”, engadiu, confirmando que xa se completou o varrido con PCR no 100% delas.

Así mesmo, anunciou que nas próximas dúas semanas serán testados o 100% dos profesionais sanitarios e non sanitarios -limpeza, seguridade e mantemento-, que traballan para garantir o funcionamento dos centros de saúde e hospitais.

“Fixemos un gran esforzo e o noso compromiso é reforzalo de cara ao futuro, porque queremos que a nosa Comunidade sexa un territorio seguro”, abundou, subliñando que, con este mesmo obxectivo, ademais de rematar mañá a primeira fase do estudo epidemiolóxico, Galicia probou con éxito na área sanitaria de Vigo un novo sistema de procesamento agrupado de mostras de PCR. Unha técnica coñecida como pooling, pioneira en España, e que permite analizar nun único test as mostras de varios cidadáns, multiplicando entre 10 e 20 veces a capacidade de avaliación actual.

Logo de incidir na eficacia desta técnica, que terá un grande impacto para testar a grupos de persoas en grandes centros de traballo, o titular da Xunta referiuse á tecnoloxía como elemento clave para controlar a evolución da pandemia. Se ben sostivo que o óptimo sería que o conxunto de España e incluso a UE axilicen os traballos nesta área, asegurou que a Administración galega xa está a traballar para aproveitar os seus usos, tanto para o autodiagnóstico, como para o seguimento e trazabilidade dos contaxiados e, por suposto, para a comunicación das medidas que se adopten.

No eido da prevención, e ante a ausencia dun protocolo único en España, especialmente sobre o uso das mascarillas e a distancia social nos traballos e zonas de tránsito, Feijóo confirmou que o Goberno galego está a traballar cos distintos sectores que se van reabrindo para colaborar con eles na elaboración de protocolos de seguridade por sector.

SISTEMA DE APERTURAS E PECHES DINÁMICO

Como cuarto eixe prioritario no que debe descansar a reactivación económica e social en Galicia, o presidente da Xunta insistiu na necesidade de dotarnos dun sistema de aperturas e peches moi dinámico e de máxima precisión, e non só a semanas vista, senón nos próximos meses como mínimo. Un sistema que permita aplicar as restricións da forma máis precisa e proporcionada, de xeito que ante brotes concretos e identificados, se desactive unicamente a zona de influencia do centro de saúde ou do distrito sanitario, sen necesidade de ter que desactivar toda a área ou ter que confinar unha provincia enteira.

“Defendemos que haxa un marco común, pero tamén que as comunidades poidamos modular a súa aplicación en función da afectación do virus, do risco de novos contaxios e das especificidades de cada zona. Esta é a única forma de facer compatible a protección da saúde coa imprescindible reactivación económica”, dixo, facendo fincapé en que para iso é clave actuar na prevención e na detección precoz.

CERTEZAS E UNIDADE

Feijóo insistiu en que Galicia non só ten que estar preparada para a desescalada senón tamén co plan para posibles rebrotes. Ao respecto, lembrou que a Xunta se apoiou desde o primeiro momento nos expertos do comité clínico e o seguirá facendo para orientar o criterio de reactivación: “Fóra dos centros sanitarios, é dicir, na volta aos centros de traballo e ás rúas; e dentro dos centros sanitarios, no que ten que ver coa reprogramación da actividade ordinaria que se aprazou e que xa se está comezando a retomar”, explicou.

Por último, o presidente da Xunta recalcou que a situación esixe claridade, certezas e unidade por parte de todas as administracións para que a pandemia sanitaria non se converta nunha profunda pandemia económica e nunha profunda desigualdade social. “Pola nosa banda, traballamos e seguiremos traballando para atender os problemas económicos e sociais que esta situación está xerando”, asegurou, confirmando que o comité de expertos neste eido presentará, nos próximos días, outros dous documentos que se sumarán aos xa presentados ata o momento.
 

Galicia disporá de 400.000 novos test