sábado. 20.04.2024

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, constituirá nas próximas semanas unha comisión interdisciplinar para preparar o próximo ano académico no Sistema Universitario de Galicia e abordar un plan integral de reforzo á docencia para o curso 2020-21. Así llo anunciou hoxe a conselleira, Carmen Pomar, aos reitores das tres universidades galegas nunha reunión celebrada por videoconferencia.

O grupo de traballo contará con representación do Sergas, da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG), da Fundación Empresa-Universidade Galega (FEUGA) e, por suposto, das universidades de Santiago de Compostela, Vigo e A Coruña.

A través deste plan integral de reforzo á docencia podería promoverse o cambio á docencia mixta ou blended learning para un conxunto de centros. Isto suporía a modificación estrutural das metodoloxías docentes, da formación do profesorado ou a potenciación definitiva das avaliacións continuas, entre outros temas.

A idea é que as tres universidades galegas presenten arredor de finais de maio os centros ou facultades interesados en entrar a formar parte deste programa, pioneiro no sistema universitario galego e español. Tanto as titulacións que impartan como os propios centros recibirían selos de seguridade sanitaria e de centros de innovación educativa. Así mesmo, o seu profesorado adquiriría recoñecemento académico como mérito relevante para os complementos retributivos.

A Xunta de Galicia apoiaría o programa a través da sinatura de convenios coas universidades este verán para que reciban o financiamento necesario para afrontar estes gastos (de cara á mellora de infraestruturas, por exemplo). Os centros que participen serán a imaxe dunha universidade renovada e de centros de calidade, polo que a colaboración redundará nun beneficio conxunto do sistema, segundo explicou a conselleira.

Polo tanto o obxectivo desta comisión interdisciplinar é, valorando todos os escenarios posibles que se poidan producir tanto no inicio como no transcurso do curso universitario 2020/2021, anticiparse ás necesidades imprevistas que poidan xurdir e prever posibles solucións. Deste xeito a Xunta busca traballar de forma conxunta e coordinada cos axentes implicados para salvagardar a normalidade e o correcto desenvolvemento das institucións que constitúen o motor de coñecemento de Galicia e que son fundamentais na formación das xeracións que a liderarán no futuro.

COORDINACIÓN


Por outra banda, esta nova reunión de coordinación entre Consellería e reitores aproveitouse para confirmar a chegada á ACSUG e á Consellería das modificacións das guías docentes feitas polas universidades (hoxe era a data límite).

Así mesmo, fíxose balance das actuacións desenvolvidas polas universidades ata o momento para facerlle fronte á crise do Covid-19. Neste sentido, a conselleira felicitou os tres reitores polo esforzo realizado nas últimas semanas para ofrecerlle o maior grao de certeza posible ao alumnado, nunhas circunstancias que son descoñecidas para todos.

Pomar recordou que estas mesmas circunstancias deben ser tidas en conta á hora de avaliar o alumnado, ao igual que o serán no resto das ensinanzas, e confirmou coas universidades que os exames presenciais se realizarán só en casos excepcionais.

A conselleira propúxolles tamén aos reitores continuar mantendo a periodicidade destas reunións de coordinación (esta é a terceira que se celebra). “Manter actuacións conxuntas e consensuadas, que se adaptan despois ás peculiaridades de cada universidade, supón un beneficio mutuo”, apuntou.

Educación creará unha comisión interdisciplinar para preparar o próximo curso...