miércoles. 24.04.2024

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, celebrou a boa acollida que tivo a inauguración de Aula Galicia Aberta, o novo programa posto en marcha polo departamento autonómico, que foi seguido na súa primeira clase por máis de 10.000 galegos, tanto durante a súa retransmisión a través de Facebook live como posteriormente na propia rede social da Secretaría, GaliciaAberta. A sesión de canto pandeireta impartida por Leni Pérez, formada por unha parte formativa e divulgativa e unha titoría inmediatamente posterior, recibiu, só nas primeiras horas desde a súa emisión en directo e só a través de Facebook, máis de 2.000 interaccións, preto dun milleiro de comentarios e foi compartida por máis de 125 persoas.


A clase xa está dispoñible no resto de redes sociais e na propia web da Secretaría, Galicia Aberta (emigracion.xunta.gal), xunto ao resto de información acerca desta nova iniciativa, que pretende achegar a cultura e tradicións de Galicia a todos os galegos do mundo e minimizar as limitacións formativas que a pandemia do coronavirus está a ocasionar nas preto de 200 entidades de orixe galega que hai repartidas polo planeta, nomeadamente en Europa e América. “Os centros galegos de todo o mundo fan diariamente un labor de difusión e preservación da nosa cultura e a nosa historia fundamental para a presenza que Galicia ten hoxe no mundo enteiro”, salientou Miranda. “Por iso, é en momentos coma este, nos que os centros se ven forzados a ralentizar a súa actividade, nos que Galicia ten que tomar a dianteira e colaborar coas ferramentas que ten á súa disposición a que ese traballo incesante e voluntario non se deteña”, engadiu.

EN DIRECTO

Os asistentes a esta primeira clase virtual, que chegou a máis de 17.000 persoas, reproduciron un total de 45.000 minutos da sesión formativa, dirixida non só a xente con coñecementos previos na disciplina, senón tamén a aqueles que queren achegarse a ela desde cero. Canto e pandeireta continuará centrando, grazas a Leni Pérez, os seminarios dos luns durante as vindeiras nove semanas, mentres percusión farao os martes con Alexandre Fernández Castro, gaita os mércores con Jhonathan Ferreira, e baile os xoves con José Antonio Viñas, todos en horario de 20 a 21 horas para o contido lectivo, e de 21 a 22 para resolver as dúbidas.

A propia comunidade autónoma de Galicia tivo un peso fundamental no éxito desta primeira convocatoria formativa da Secretaría Xeral da Emigración, no que tamén salientou A Arxentina (non só a cidade e o resto da provincia de Bos Aires, senón tamén outras, como Santa Fe ou Mar del Plata) polo número de asistentes a esta sesión virtual de canto e pandeireta, así como O Uruguai e Brasil, e mesmo outras comunidades autónomas españolas como Madrid ou Cataluña.

MATERIAL DOCENTE GRATUÍTO

Aqueles interesados que non poidan asistir ás clases en directo poderán visualizalas no momento que desexen e as veces que precisen na web de Galicia Aberta (emigracion.xunta.gal), onde se colgarán unha vez rematada a clase, así como o material que os profesores faciliten. Este estará dispoñible unha semana antes para que os alumnos poidan preparalos, se o docente o considera aconsellable. Os seminarios, que se prolongarán durante dez semanas, estarán integrados por unha decena de clases que, malia seguir un fío condutor, poderán ser atendidas de xeito independente para dar máis liberdade ao usuario.

Este novo programa complementa o dos obradoiros tradicionais, que permitían a centros galegos de todo o mundo contar coa presenza dun profesor, desprazado desde Galicia, de algunha das disciplinas incluídas na convocatoria que durante varias semanas reforzaba as actividades lectivas que levan a cabo nas súas sedes. A actual situación, tanto en España, que continúa en Estado de alarma, como noutros países, fai, sen embargo, inviable as actividades lectivas presenciais nos centros galegos de todo o mundo, polo que a Secretaría Xeral da Emigración continúa a buscar medidas como esta que aminoren parte das consecuencias que esta pandemia está a deixar nos principais países con maior poboación galega.

Aula Galicia Aberta, o novo programa da Secretaría Xeral da Emigración