viernes. 19.04.2024

O Concello de Ponteareas, a través da

concellarías de Facenda, Emprego e Promoción Económica, ven de crear unha liña

extraordinaria de axudas, que se concederán de forma directa a autónomos,

comerciantes e empresas.

Estas axudas incorporan gran parte das propostas realizadas por ACIP, logo dunha reunión de portavoces da Corporación celebrada a pasada semana. O alcalde cualificou como construtivas e realistas as propostas do seu portavoz, Juan Carlos González Carrera, e valorou positivamente a súa atitude para buscar o consenso e o acordo. “É o momento de estar a altura da grave situación pola que estamos a pasar e de estar coa veciñanza, cos comerciantes, autónomos e empresarios para enfrontar xuntos a recuperación social e económica”, manifestou o alcalde, Xosé Represas.

O obxectivo destas axudas é promover a

actividade económica en Ponteareas, cun apoio inmediato que minimice o impacto

da crise económica provocada polo Covid-19. “Queremos que unha vez rematado o

estado de alarma se reactive a economía do concello o antes posible e para iso

é fundamental apoiar directamente as persoas e empresas máis afectadas”,

sinalou a concelleira de Promoción Económica, a nacionalista Eva Gil.

Poderán beneficiarse destas axudas

calquera traballador por conta propia ou empresa, que tivera que pechar ou vira

reducido o seu volume de negocio en máis do 40%. “Os primeiros recibirán 500

euros e os segundos 300 euros”, segundo informou a concelleira de Emprego, a

socialista Vanesa Fernández.

O goberno local pretende resolver as solicitudes semanalmente e contan xa cunha partida orzamentaria de 50.000 euros que se incrementará o necesario para atender todas as peticións.

O alcalde de Ponteareas, Xosé

Represas, cuantificou en varios centos de miles de euros as modificacións a

introducir no presuposto deste ano para atender ás familias que máis o

necesitan con axudas de emerxencia social e para financiar o plan de axudas

para o comercio local e todas as actividades afectadas pola crise sanitaria”.

O goberno anuncia que o prazo de

presentación de solicitudes se abrirá a vindeira semana, unha vez publicadas as

axudas no BOP, e se estenderá até trinta días despois da finalización do estado

de alarma. As axudas deberanse solicitar a través da sede electrónica do

Concello e serán compatibeis con calquera outra estatal ou autonómica. A súa

tramitación será doada e áxil para que os afectados podan recibir nun prazo

breve as axudas.

Ademais, o Concello asesorará

telefónicamente a comerciantes, autónomos e empresarios na xestión das

solicitudes cun servizo que se porá en marcha e anunciará antes da apertura do

prazo de presentación de solicitudes.

Represas salientou que, “malia non

termos competencias e recursos en materia de traballo, o concello fai un grande

esforzo dentro das súas posibilidades para apoiar aos principais sectores

económicos de Ponteareas”.

Ponteareas dará axudas directas a autónomos, comercios e empresas afectadas pola Covid-19