viernes. 19.04.2024

O conselleiro do Medio Rural, José González, mantivo esta tarde unha videoconferencia cos presidentes dos consellos reguladores das indicacións xeográficas protexidas de Vacún de Carne e Lacón Gallego para avaliar as distintas fórmulas que baralla a Xunta coa finalidade de dar saída ás producións cárnicas de calidade, afectadas polo peche da hostalaría e os mercados de proximidade.

Así, o conselleiro escoitou as principais demandas do sector e tomou nota das súas aportacións para perseguir, nesta situación de emerxencia sanitaria, non só a seguridade de todos os traballadores implicados, senón tamén novas oportunidades de comercialización que garantan o futuro do rural galego.

O conselleiro trasladoulles aos representantes dos consellos reguladores que un destes mecanismos para atopar saídas ás producións de calidade debe apuntar á concienciación dos consumidores para que aposten polo sector primario galego.

APOIO DA XUNTA

O conselleiro tamén analizou cos presidentes dos consellos reguladores das IXPs a posibilidade de acollerse á nova liña de financiamento do Igape que busca inxectar liquidez a pemes e autónomos. A iniciativa da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que contempla a mobilización de 250 millóns de euros en préstamos, recibiu xa 609 solicitudes que suporán mobilizar uns 50 millóns.

José González recalcou que esta orde persegue que se poida facer fronte ás necesidades máis inmediatas, como o pagamento de salarios, facturas, alugueiros ou impostos. En concreto, a nova liña avalará entre 3.000 e 200.000 euros de importe por cada negocio e os beneficiarios disporán de prazos de amortización de ata catro anos con un de carencia, cun máximo dun 1,50 por cento de xuros, que serán bonificados ao cen por cento pola Xunta.

Por outra banda, e en relación ás axudas da Consellería, o titular de Medio Rural tamén lles trasladou que se está traballando na axilización dos pagamentos e na flexibilización dos requisitos esixidos para as distintas convocatorias de subvencións, buscando evitar incumprimentos ou posibles prexuízos derivados da imposibilidade de executar as accións programadas.

A videoconferencia realizada esta tarde forma parte da rolda de contactos que está a manter estes días o conselleiro do Medio Rural co sector. Concretamente, nesta xuntanza participaron Jesús González, presidente do consello regulador da IXP Vacún de Carne, e Abel Yáñez, presidente do consello regulador da IXP Lacón Gallego.

Novas vías de comercialización para as producións cárnicas de calidade