jueves. 25.04.2024

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe que Galicia contará cun comité de expertos no ámbito económico para asesorar á Xunta sobre o impacto da crise do COVID-19 e avaliar medidas. “Temos que deseñar medidas para a recuperación paulatina da nosa economía, xestionar a emerxencia sanitaria e ir pensando nas semanas posteriores ao levantamento do estado de alarma”, abundou.

Durante a rolda de prensa do Consello, Feijóo subliñou que este comité contará con expertos do ámbito académico, do ámbito da sociedade civil, da sociedade empresarial e con persoas vinculadas ao Círculo de Empresarios de Galicia, ao Foro Económico de Galicia e a Asociación da Empresa Familiar de Galicia, entre outras institucións. E, por parte da Xunta, estará todo o equipo económico do Goberno galego –Facenda, Economía, Medio Rural e Mar-.

As súas funcións principais serán a de determinar o impacto da emerxencia sanitaria na economía, a previsión da caída do Produto Interior Bruto, a previsión da diminución dos ingresos vía tributaria de Galicia e do conxunto de España e o impacto que suporá no déficit público. “E, con esta información traballaremos no ámbito do diálogo social, das organizacións sindicais e patronais”, aseverou.

ACHEGAS SECTOR MARÍTIMO-PESQUEIRO

O presidente do Goberno galego destacou tamén, na rolda de prensa, o reforzo das achegas para favorecer a liquidez da industria do mar.

Con esta iniciativa, as empresas marítimo-pesqueiras poderán garantir o financiamento do tráfico comercial na cadea de abastecemento, mediante préstamos avalados polo Instituto Galego de Promoción Económica para: adianto de facturas, xestión do pagamento das compras; ou pólizas de comercio exterior. E tamén se favorecerá a posibilidade de financiar investimentos en materia de produción.

Así mesmo, a Administración autonómica avalará a achega de créditos a medio e longo prazo -cun tipo de xuro cero-, por parte das entidades financeiras para favorecer a viabilidade das empresas do sector.

Feijóo recordou que esta nova medida inclúese dentro das liñas de axuda que xa están activas e que foron aprobadas no Consello da semana pasada: un total de 30 millóns de euros para que pemes e autónomos poidan mobilizar 250 millóns en préstamos, contribuíndo así a paliar os efectos do coronavirus no tecido empresarial galego.

Unha liña para autónomos e pemes que cubrirá operacións de entre 3.000 e 200.000 euros; e os beneficiarios terán ata 4 anos para amortizar estes préstamos (incluíndo un ano de carencia), facéndose cargo a Xunta dos xuros.

ALUGUEIROS

Por outra banda, Feijóo anunciou tamén a decisión de suspender o cobro dos alugueiros de abril das 64 vivendas propiedade de Xestur e as cotas correspondentes a este mesmo mes polas parcelas industriais que teñen adxudicadas Xestur e o IGVS en réxime de alugueiro ou en dereito de superficie.

O presidente da Xunta aseverou que con esta última decisión, son xa unhas 4.300 as familias galegas que se poden beneficiar das medidas extraordinarias en materia de vivenda.

CONFISCAR 100 M€

Por outra banda, o Consello da Xunta avaliou tamén a decisión “inesperada” do Goberno de España de confiscar á Comunidade 100 millóns de euros previstos para políticas activas de emprego.

“Estamos a falar dunha decisión sen precedentes, que invade claramente as competencias autonómicas e totalmente inesperada, xa que nada se dixo nas tres videoconferencias de presidentes”, resaltou Feijóo, quen trasladará ao presidente do Estado a discrepancia de Galicia.

O responsable do Goberno galego aseverou que estes 100 millóns, que están nos presupostos da Comunidade, estaban destinados fundamentalmente a formar a persoas desempregadas, polo que a Administración autonómica non poderá poñer en marcha oito programas de formación pactados cos sectores: un plan específico para o naval, outro para a automoción, outro para o forestal, así como as unidades formativas en empresas.

“En total, 34.000 galegos quedarán sen poder participar nos programas de formación impulsados pola Xunta a consecuencia da retirada unilateral dos fondos da Comunidade autónoma por un importe de 100 millóns de euros”, concluíu.

Galicia contará cun comité de expertos para avaliar o impacto económico da crise do...