jueves. 25.04.2024

A concellería de

Política Social do Concello de Mos ven de crear a tarxeta monedeiro “Mos

Axuda-producto fresco” para que 70 familias mosenses usuarias deste

departamento poidan adquirir alimentos frescos de primeira necesidade como

froitas, verduras, peixe, carne, embutidos… etc. nos supermercados do

municipio.

Entregarase unha

tarxeta por familia cunha contía económica que depende do número de integrantes

da unidade familiar, xa que hai unha cantidade monetaria asignada por persoa. A

tarxeta é anónima, simplemente co nome do supermercado en cuestión rotulado e

cun número de DNI do beneficiario/a asignado, para non xerar prexuízos nin

estigmas sociais ás persoas receptoras da mesma. Deste xeito a tarxeta non

identifica ao portador/a como usuario dos Servizos Sociais.

A entrega

realizarase a domicilio a vindeira semana, xunto cunha partida de 7.500 quilos

de alimentos doados pola Cruz Vermella ao banco de alimentos de Mos Axuda.

Neste reparto de alimentación inclúense productos varios non perecedeiros como

aceite, pasta, conservas, cacao soluble, azucre, fariña, tomate frito,

galletas… etc. Ademais do stock xa preexistente no almacén de Mos Axuda

entregaránselle ás familias con nenos/as pequenos/as potitos e cereais. O

reparto farao o equipo humán de voluntarios de Mos Axuda, incrementado nestes

días polo chamamento á colaboración derivado da crise do COVID-19.

Por outra banda a

alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira de Política Social mosense,

Sara Cebreiro, lembraron que “as traballadoras sociais do Concello de Mos

continúan a traballar ao cen por cen e a pleno rendemento, polo que se

algún/unha veciño/a se atopase en situación de emerxencia para a súa

subsistencia durante estes días pode poñerse en contacto con elas no teléfono

do departamento municipal: 986 33 72 78”. E é que desde a concellería de

Política Social estase detectando nestas dúas últimas semanas un incremento das

carencias e deficiencias nas necesidades básicas de alimentación nalgunhas

familias de Mos a causa dos problemas laborais que está acarreando esta crise

sanitaria do COVID-19.

O Concello de Mos habilita a tarxeta 'Mos Axuda-producto fresco'