jueves. 18.04.2024

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, solicitou hoxe ao Goberno central maior claridade na redacción da orde pola que decreta o peche dos aloxamentos turísticos. O representante da Xunta de Galicia, en liña co resto de comunidades autónomas, trasladou as dificultades xeradas, no sector e na propia administración, para a interpretación dun texto que, afirmou, xera confusión. Fíxoo no marco da Conferencia Sectorial de Turismo na que participou por videoconferencia.

Dentro da liña de cooperación leal, Román Rodríguez demandou a necesidade de contar con seguridade xurídica suficiente para que o Executivo autonómico poida ditar as instrucións precisas no ámbito das súas competencias. Dese xeito, facilitaríase o peche ordenado e manteríanse abertos aqueles establecementos nos que, por diversas razóns, as persoas aloxadas non poidan retornar e aqueles colectivos máis vulnerables.

Comunicou, así mesmo, que a Xunta está en contacto co sector nunha liña de colaboración activa para resolver as distintas casuísticas que poidan presentarse no prazo dunha semana fixado polo Goberno para facer efectivo o peche. Así mesmo, avanzou que establecerá as medidas oportunas para que todas as persoas que precisen unha praza dispoñan dela.

A Xunta demanda ao Goberno central que clarifique a confusión xerada no sector...