viernes. 19.04.2024

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na actualidade, o número de casos confirmados de coronavirus en Galicia ascende a 90, deles 43 son da área da Coruña, 4 da de Lugo, 10 da de Ourense, 9 da de Pontevedra e 15 da área de Vigo, 8 da de Santiago, e 1 da de Ferrol. Debido ao cambio de protocolo introducido polo Ministerio, a partir de hoxe, informarase sobre os casos de infección con resultado positivo realizados na nosa Comunidade Autónoma.

Do total de pacientes positivos, 6 permanecen en UCI, 20 están en unidades de hospitalización e 64 no domicilio.

O número de PCR realizadas polo Sergas ata actualidade foi de 784.

Uso do 061 para casos graves e emerxencias, e o 900 400 116 para dúbidas
A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.

Sinalar, ademais, que dende hoxe, o Sergas pon a disposición da cidadanía unha páxina web (https://coronavirus.sergas.es), na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e para outros colectivos.

O departamento sanitario galego ten a disposición da poboación o teléfono 900 400 116, que vén de ser reforzado con máis persoal, para dar información xeral sobre o coronavirus. Neste número, pódense resolver todas as dúbidas dos cidadáns ao respecto e tamén consultar sintomatoloxía leve.

RECOMENDACIÓNS

Os técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade volven reiterar as recomendacións consensuadas entre as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, e lembran que, en liñas xerais, aconséllase adoptar as medidas de autoprotección e limitación da diseminación do vírus común a calquera infección respiratoria, como a gripe. Así, extremarase a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrirase o nariz e a boca cun pano -preferentemente desbotable- ao tusir ou esbirrar, ou se non se dispón de pano, na cara interna do cóbado. Ademais, evitarase tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans.

Confirmados en Galicia un total de 90 casos positivos de infección por coronavirus