jueves. 25.04.2024

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, informou esta mañá dos datos de paro rexistrado en febreiro e explicou que o desemprego na evolución anual continúa baixando, mentres que as afiliacións seguen por riba do millón de cotizantes.

Deste xeito, Galicia pechou febreiro de 2020 con 7480 parados menos que hai un ano, o que supón unha baixada do -4,31% e un nivel de desemprego moi inferior ao rexistrado hai once anos, xa que en febreiro de 2009 había 206.570 parados fronte aos 166.229 actuais. Ademais, a caída de Galicia supera en tres puntos á media estatal, situándose como a segunda Comunidade na que máis descende o desemprego en termos absolutos e a terceira en relativos.

Por sétimo ano consecutivo redúcese o paro en Galicia nun mes de febreiro e faino nas catro provincias galegas -Pontevedra liderou a caída (-6,09%), seguida de Ourense (-4,66%), A Coruña (-2,82%) e Lugo (-2,59%)- e nas sete grandes cidades; así como en todos os sectores económicos -destacou a baixada na agricultura e a pesca (-6,93%), seguida da construción
(-6,23%), industria (-6,13%) e servizos (-3,33%)- e nos colectivos prioritarios para a Xunta: descendeu nun -6,90% entre os menores de 30 anos; nun -4,73% nos parados de longa duración; e nun -4,50% nas mulleres.

En canto ás afiliacións, Galicia suma doce meses consecutivos -un ano- por riba do millón de cotizantes á Seguridade Social. Na comparativa internanual, as afiliacións medran un 1,51%, o que supón 15.043 afiliados máis, unha media de 41 ao día. Con respecto á contratación, aumentou nun 5,25% superando o ritmo estatal en preto de catro puntos e sobe tanto a indefinida como a tempo completo.

No que respecta á evolución mensual, Conde indicou que o desemprego se reduce nun 0,91%, en 1526 persoas, a maior ritmo que o conxunto do Estado; mentres que soben tamén as afiliacións nun 0,58% fronte ao 0,45% da media estatal. Neste último mes a Comunidade sumou 5.848 cotizantes á Seguridade Social.

Galicia conta con 1.012.354 cotizantes á Seguridade Social