Balneario de Lugo.

“As augas sulfuradas facilitan a mobilidade articular, reducen a rixidez e combaten a dor”, afirma a directora médico do Balneario de Lugo

A directora médico do Balneario de Lugo, Ascensión Sánchez, salienta “o valor terapéutico das augas sulfuradas para combater procesos reumatolóxicos, debido á súa acción antiinflamatoria, analxésica e descontracturante; ao tempo que facilitan a mobilidade articular, reducen a rixidez e combaten a dor”. Empréganse en particular para tratar todo tipo de reumatismos dexenerativos como as artroses -dende a de xeonllos ata a de columna-, ademais de doenzas inflamatorias como a artrite reumatoide, xunto con ciáticas, lumbalxias ou a gota. Tamén son efectivas para abordar as secuelas de traumatismos e cirurxías do aparato locomotor.

A doutora sinala que se valora a cada paciente para ver o seu estado xeral e a fase evolutiva na que se atopa a enfermidade. En función deste exame médico, aplícanse tratamentos personalizados, baseados en chorros termais, duchas circulares e baños        -tanto en bañeira como en piscina-. E, ademais, engádense outras técnicas complementarias ás augas mineromedicinais como os parafangos (arxilas quentes), sesións de masaxes e de fisioterapia -mediante exercicios en seco ou en piscina-.

Segundo explica a doutora, “a duración mínima dos tratamentos é de 9 días e os resultados son moi satisfactorios”. Así, asegura que máis do 70% dos pacientes logran unha importante melloría no seu estado de saúde e, en consecuencia, na súa calidade de vida. Ademais, conséguese reducir a inxesta de medicamentos, en particular analxésicos e antiinflamatarios.

A doutora lembra que a doenza reumatolóxica máis común en persoas da terceira idade é a artrose. Pola súa parte, os pacientes de idade media acoden ao balneario con problemas musculares, na súa maioría con lumbalxia ou cervicalxia, provocados sobre todo polo estilo de vida ou debido a unha mala postura no traballo.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada