viernes. 19.04.2024

 O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a nova convocatoria de axudas para a certificación, seguimento e renovación das normas da marca Q de Calidade Turística do Instituto para a Calidade Turística Española (ICTE), convocadas pola Xunta de Galicia e ás que poderán concorrer tanto persoas físicas e xurídicas privadas como tamén, como novidade, os concellos. Esta convocatoria supón un incremento do 30% con respecto a hai un ano.

As axudas tramitaranse en réxime de concorrencia competitiva. Como se indica no DOG, serán actuacións subvencionables as dirixidas á mellora da calidade turística mediante procesos de primeira certificación, seguimento e/ou renovación da marca Calidade Turística Q do ICTE, correspondente a este ano e que se inicien a partir do 1 de xaneiro de 2020.

En concreto, serán subvencionables os custes de auditoría externa de certificación, seguimento e/ou renovación do sistema facturados por entidade auditora acreditada polo ICTE. Os importes obxecto de subvención serán os derivados, exclusivamente, dos custos de auditoría do ano 2020. Tamén serán subvencionables os custos derivados dos dereitos de uso da marca Q no ano 2020, unha vez acadada a certificación, seguimento e/ou renovación do establecemento, facturados polo ICTE ao establecemento.

As subvencións financiaranse cun crédito global de 130.000 euros, dos que 40.000 corresponderán á categoría primeira, referida aos concellos, e 90.000 corresponderán á categoría segunda, correspondente coas entidades privadas. Como recolle a resolución do DOG, se as solicitudes presentadas por categoría non esgotan o crédito previsto, o crédito sobrante nunha categoría poderase destinar a outra categoría.

A presentación das solicitudes realizarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. O prazo está aberto ata o vindeiro 2 de abril.

O Q de Calidade Turística ábrese por vez primeira aos Concellos