viernes. 29.03.2024

Esta mañá déronse a coñecer na sede do Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) en Santiago de Compostela os proxectos que serán acelerados na Business Factory Food (BFFood), programa especializado no sector alimentario galego impulsado pola Xunta de Galicia e coordinado polo clúster. Das 38 candidaturas recibidas, presentáronse 18 no pitch day desta mañá e, tras unha reunión do comité executivo, decidiuse seleccionar oito que achegan solucións innovadoras aos retos identificados pola industria alimentaria galega como a dixitalización e automatización, loxística, sostibilidade e packaging e desenvolvemento de novos produtos.

Na aceleradora, ademais da Xunta e o Clúster Alimentario de Galicia, participan titorizando os proxectos e apoiando o seu desenvolvemento empresas tractoras do sector como Adegas Martín Códax, Cafés Candelas, Calvo, Corporación Alimentaria Peñasanta, Clavo Food Factory, CLUN, Congalsa, Dairylac, Gadis, Kiwi Atlántico, Quescrem, Grupo Nueva Pescanova, Torre de Núñez e Viña Costeira. Tamén colaboran centros de coñecemento como as tres universidades galegas, os centros tecnolóxicos Anfaco-Cecopesca e Gradiant, a Asociación Galega de Cooperativas Agrarias, a Cámara de Comercio de Santiago de Compostela e FEUGA aportando coñecemento experto e infraestruturas aos emprendedores.

Os directores da Axencia Galega de Innovación (Gain), Igape e Xesgalicia participaron no comité executivo e anunciaron posteriormente os proxectos seleccionados en representación da Xunta de Galicia. O acto tamén contou coa asistencia do conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde.

A BFFood inscríbese na plataforma StartIN Galicia de apoio ao emprendemento da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que nos últimos cinco anos leva impulsado máis de 1000 proxectos e que acolle, entre outros, programas de aceleración horizontais como ViaGalicia, ou sectoriais como BFAuto, BFAero, Agrobiotech, Bioincubatech e a incubadora de descubrimento temperán de fármacos.

Patricia Argerey Vilar, directora da Axencia Galega de Innovación, destacou na súa intervención a singularidade e relevancia desta iniciativa que pretende acelerar e consolidar novas empresas que acheguen solucións innovadoras ao mercado nun sector, o alimentario, de grande peso para a nosa economía. Por este motivo, esta aceleradora xoga un papel crucial, en liña coa Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3) que identificou como un dos seus tres retos prioritarios a modernización dos sectores tradicionais galegos a través da introdución de innovacións que incidan na mellora da súa eficiencia e a reorientación cara usos de maior valor engadido.

Pola súa banda, o director do Igape, Juan Cividanes, subliñou que o compromiso da Xunta no apoio ao emprendemento vén de ser reforzado coa apertura de tres novos espazos coworking. Así, durante esta ano estarán en funcionamento dez espazos, que teñen previsto acelerar 220 proxectos empresariais. Xunto cos programas Galicia Emprende e Galicia Rural Emprende, o abano de axudas ao emprendemento pretende avanzar na consolidación dun tecido produtivo moderno, competitivo e que responda aos retos actuáis coas respostas da Industria 4.0.

Os proxectos seleccionados na actual edición da BFFood accederán a partir do 1 de febreiro a un completo programa para o desenvolvemento e lanzamento do seu produto ou servizo de nove meses de duración. No programa de aceleración contarán con titorías e mentorización por parte de empresas tractoras líderes da industria alimentaria galega, acceso a espazos de traballo, catálogo de infraestruturas, medios e servizos técnicos, networking coas distintas entidades participantes e financiamento (25.000 euros de axuda procedentes de Gain e acceso a un préstamo participativo de Xesgalicia que podería conlevar opción de capitalización ata un máximo de 50.000 euros).

PRIMEIRA CONVOCATORIA

Javier Osuna, responsable de BFFood, presentou a primeira convocatoria de consolidación da aceleradora dirixida a empresas xa constituídas, con menos de seis anos de antigüidade, cun produto ou servizo definido e primeiras vendas xa realizadas e aliñadas con algún dos retos identificados pola industria alimentaria.

Seis empresas poderán participar nun programa de consolidación de 12 meses de duración nos que reibirán formación, mentorización e networking para impulsar o seu establecemento no mercado e a xeración de vendas e ingresos recorrentes e financiamento a través dun préstamo participativo de Xesgalicia que podería levar unha opción de capitalización de ata 250.000 euros.

PROXECTOS SELECCIONADOS

Biopraedium, proxecto de Santiago de Compostela presentado ao reto de produtos saudables e nutrición personalizada. Ofrece unha gama de sistemas de cultivo diversos para autoconsumo alimentario sostibles, xunto a un servizo que vai desde o asesoramento e formación ata a subministración de insumos para as tarefas agropecuarias. Algúns dos sistemas de cultivo que ofrecen son: hidroponia, aeroponia, acuaponia e a terra tradicional.

Galinsect, proxecto vigués que presenta solución ao reto da sustentabilidade no sector. Ofrece a cría e comercialización de insectos para satisfacer a demanda de proteína limpa e sustentable medioambientalmente, para mercados acuícola, gandeiro e de mascotas.

HEROOJ, proxecto presentado desde Barcelona ao reto de desenvolvemento de novos produtos. Concretamente, hidroxeles, barras enerxéticas, hipertónicos e isotónicos 100% ecolóxicos e naturais, feitos con base de auga de mar, enfocados a deportistas de resistencia e cun packaging compostable.

HK Smart Food, iniciativa procedente de Lugo que dá resposta ao reto da dixitalización e automatización da industria. Facilita a xestión e garante a trazabilidade, seguridade e sustentabilidade dos produtos que operan na canle Horeca, conectando en tempo real ás marcas cos seus clientes.

Liposomas de DHA con curcumina e vitamina D, proxecto de Santiago de Compostela que desenvolve novos produtos. Establece a creación de tres liñas de produtos: Healthinfoods (nutracéuticos orientados a deportistas, embarazadas e persoas con doenzas), Equinhealth (biocéuticos para cabalos de competición) e Healthinfoods Bioactives (ingredientes bioactivos para distintas matrices alimentarias).

Nanocápsulas bioactivas para enfermidades autoinmunes, formulación desenvolta no CIMUS da Universidade de Santiago de Compostela e presentada ao reto libre de BFFood. Busca validar o efecto biolóxico pola vía da administración oral dunha emulsión de nanocápsulas de compostos bioactivos facilmente integrables en diferentes alimentos, para o tratamento de enfermidades neurodexenerativas e autoinmunes.

SITRAV – Sistema de trazabilidade avanzado, iniciativa procedente de Marín (Pontevedra) que busca solución ao reto da dixitalización e automatización da industria. Desenvolve un sistema intelixente de trazabilidade de recollida, explotación e posta ao dispor de datos relacionados cos sistemas de produción industrial.

Solucións RFID para inventario e trazabilidade, proxecto de Santiago de Compostela que aborda o reto loxístico da industria. Ofrece unha solución aos problemas de inventario e trazabilidade na cadea de subministración, automatizando procesos de identificación e control, grazas á tecnoloxía RFID.

A aceleradora do sector agroalimentario BFFood selecciona os oito proxectos que...