jueves. 25.04.2024

O Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar, dependente da Consellería do Mar, acolleu esta semana un encontro para analizar o presente e o futuro da frota oceanográfica europea no que se comprobou como a dixitalización, a automatización e a robótica avanzada, así como o uso de combustibles alternativos e de novas fontes de enerxía renovable, son os principais retos aos que se enfronta na actualidade o sector dos buques de investigación.

Neste sentido o evento, que foi inaugurado pola directora xerente do Cetmar, Paloma Rueda, revelou a necesidade de mellorar as condicións técnicas e tecnolóxicas da frota actual para afrontar os desafíos futuros da investigación e incidiu en que hai buques oceanográficos que están preto de esgotar a súa vida útil.

Os expertos participantes na xornada explicaron que nos últimos anos se produciron importantes avances en aspectos relacionados co impacto medioambiental e a xestión de grandes volumes de información, co que se mellorou a resposta ás directrices políticas para a conservación dos ecosistemas mariños, pero incidiron en que os retos futuros requirirán dunha importante adaptación en asuntos como a formación e o emprego.

Entre os desafíos do sector tamén destaca o da inversión e o encontro organizado polo Cetmar en colaboración co European Marine Board (EMB), e co apoio do proxecto europeo Mates, cofinanciado a través do Programa Erasmus+ da Unión Europea, permitiu comprobar a aposta realizada polo sector galego da construción naval polo mercado deste tipo de embarcacións e a necesidade de reforzar a colaboración entre a industria, a ciencia e as administracións para avanzar neste eido.

De feito, o encontro contou coa presentación do documento A próxima xeración dos buques europeos de investigación: estado actual e evolución previsible, froito dunha colaboración entre EMB e a asociación de operadores europeos de buques de investigación (ERVO). Esta publicación presenta unha visión xeral da frota actual, das súas capacidades e equipos e da súa xestión ao tempo que mira cara ao futuro destacando o que será necesario para garantir que a frota europea poida seguir brindando o mesmo nivel de apoio á ciencia.

O documento tamén analiza a capacitación do persoal desta frota, a xestión da mesma e o papel dos buques de investigación no contexto máis amplo das observacións oceánicas e o Sistema Europeo de Observación do Océano (EOOS). Tamén explora fórmulas para lograr maior eficiencia a escala local, rexional e europea co obxectivo de garantir o mellor uso posible destas infraestruturas.

A xornada organizada polo ente dependente da Consellería do Mar contou coa asistencia de máis de 60 persoas entre profesionais da industria, das universidades e de distintos centros de investigación que participaron activamente nos debates sobre os retos aos que se enfronta o sector dos buques oceanográficos e a incidencia que terán no desenvolvemento da investigación no medio mariño.

O sector dos buques de investigación busca mellorar as condicións técnicas e...