martes. 23.04.2024

A Federación Galega de Redeiras Artesás ‘O Peirao’ beneficiarase este ano de 13.000 euros a través de dous acordos para facer fronte a gastos derivados da súa actividade e para investimentos que redunden na mellora da competitividade deste colectivo.

Un destes convenios foi asinado esta semana pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, e a presidenta da Federación ‘O Peirao’, Verónica Veres, por valor de 8.000 euros para contribuír ao funcionamento desta organización.

O convenio asinado, que estará vixente ata o 31 de decembro deste ano, ten como obxectivo financiar os gastos correntes que se produzan como consecuencia das actividades que desenvolva a federación. Así, algúns dos gastos subvencionables a través desta colaboración son os de contratación de persoal, amortizacións e outros gastos correntes como por exemplo arrendamentos, reparacións ou material de oficina.

Para o control do bo funcionamento do convenio crearase unha comisión de seguimento, composta por dous membros da Federación Galega de Redeiras Artesás e outros dous da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro.

A esta colaboración sumarase este ano outra por valor de 5.000 euros que pode abarcar o apoio a cuestións como a implantación de novas tecnoloxías para facilitar a súa actividade e a organización de cursos e xornadas de temáticas de interese deste sector.

A Federación Galega de Redeiras Artesás ‘O Peirao’ beneficiarase este ano de 13.000 euros