jueves. 18.04.2024

As seis reservas da biosfera declaradas en Galicia supoñen un patrimonio natural de incalculable valor e tamén un importantísimo recurso e reclamo de turismo sostible. Así o proclamou esta mañá a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, que aproveitou a súa presenza en Fitur, unha das maiores e máis importantes feiras internacionais de turismo do mundo, para poñer en valor a importancia duns espazos que representan o 25% do territorio galego e atesouran unha gran riqueza natural pero, sen embargo, son algo menos coñecidos entre os visitantes.

Durante a sesión inaugural de Fitur en Madrid, a conselleira visitou o stand dedicado á comunidade e fixo unha presentación na que incidiu na necesidade de apostar polo turismo verde xa que, segundo dixo, “un 42,5% das persoas que visitan Galicia fano atraídas pola nosa natureza, cultura e paisaxe”.

Entre as múltiples opcións turísticas ligadas a eses valores naturais, Vázquez Mejuto citou o Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, o único declarado na comunidade, ou os seis parques naturais. En todo caso, a responsable de Medio Ambiente centrou a súa intervención en poñer en valor outras opcións “menos coñecidas” como son as seis reservas da biosfera existentes na actualidade: Reserva da Biosfera do Río Eo, Oscos e Terras de Burón, interautonómica e compartida con Asturias; Reserva da Biosfera Transfronteiriza Xurés-Gerês, a única internacional xa que se estende entre Galicia e o norte de Portugal; Reserva da Biosfera Terras do Miño, en Lugo, a primeira declarada na comunidade, no ano 2002; Reserva da Biosfera Área de Allariz, en Ourense; e a Reserva de la Biosfera Os Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá, en Lugo

Neste sentido, a conselleira considerou que ademais do seu potencial turístico innegable, todos estes espazos teñen en común que son o mellor exemplo de como se pode compatibilizar o desenvolvemento sostible co económico. O turismo de natureza que promove a Xunta, de feito, busca precisamente garantir o crecemento das reservas da biosfera galegas e da poboación que se asenta nas mesmas, impulsando á vez o coidado do patrimonio natural e das economías locais.

“As reservas da biosfera son lugares idóneos para gozar de experiencias turísticas de natureza, con paisaxes impresionantes, e experiencias culturais e tamén gastronómicas”, salientou Vázquez Mejuto, que se referiu ás opcións que teñen os turistas nestas zonas baseadas en produtos tradicionais e, en moitos casos, distinguidos pola súa calidade con selos como as denominacións de orixe ou as indicacións xeográficas protexidas.

Para afianzar as reservas da biosfera como un produto turístico de calidade e atractivo e explotar todo o seu potencial, Ángeles Vázquez referiuse ao traballo realizado pola Xunta nestes últimos anos, citando concretamente a creación en 2017 da Rede Galega de Reservas da Biosfera ou a constitución, o pasado mes de decembro, do Comité responsable da súa coordinación e interacción.

Vázquez confirmou que a Xunta xa presentou no Comité español da Unesco a candidatura da Ribeira Sacra e serras do Oribio e Courel e salienta que, unha vez obteña a declaración, o 42% da comunidade contará con algún tipo de figura de protección

Esta rede, ademais, continúa en crecemento xa que, como lembrou a conselleira, a Xunta traballa para lograr a medio prazo a declaración da sétima reserva da biosfera da comunidade. Neste sentido, confirmou que a finais do ano pasado o seu departamento remitiu oficialmente a candidatura da Ribeira Sacra e serras do Oribio e Courel á Secretaría do Comité español do programa Home e Biosfera da Unesco, que será a encargada de validala e continuar coa súa tramitación.

A transcendencia para Galicia desta declaración, impulsada polo Goberno autonómico pero que conta tamén co apoio dos principais axentes implicados nos 23 concellos que aglutina, reside por unha banda no recoñecemento que suporía para unha zona cun alto valor paisaxístico e cultural e que conta xa coa declaración de BIC, e pola outra en que acercará á Xunta ao seu obxectivo de que o 42% da superficie de Galicia estea amparada baixo algún tipo de figura de protección.

Ademais, como lembrou a conselleira, se a Ribeira Sacra logra converterse na sétima reserva da biosfera da comunidade, daríase un paso decisivo para que este extenso territorio, a cabalo entre as provincias de Lugo e Ourense, logre o triplo recoñecemento internacional por parte da Unesco. Así, indicou que a Consellería de Cultura está a impulsar a súa declaración como Patrimonio da Humanidade, unha candidatura que tamén se expuxo en Fitur, e desde abril do ano pasado as Montañas do Courel xa son o primeiro xeoparque mundial de Galicia, en recoñecemento á importancia xeolóxica internacional desta zona.

Para rematar e apelando ao gran escaparate internacional que supón Fitur para presentar ante o mundo territorios “tan ricos” como a nosa comunidade, a conselleira convidou aos asistentes a “visitar Galicia” e gozar da súa ampla e variada oferta turística. “Convídoos a atopar en Galicia un lugar onde perderse e no que o turismo de natureza escríbese con maiúsculas”, concluíu.

Ángeles Vázquez subliña en Fitur o incalculable valor das seis reservas da biosfera de...