viernes. 29.03.2024

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), Manuel Rodríguez, reuniuse hoxe no Pazo de Quián con representantes da Federación Galega de Panaderías (Fegapan) co obxectivo de avanzar na redacción do regulamento e a constitución do consello regulador da recentemente aprobada IXP Pan Galego. Trátase da primeira xuntanza que mantén a Consellería do Medio Rural cos axentes implicados para pór en marcha a Indicación Xeográfica Protexida que foi rexistrada polo Diario Oficial da Unión Europea o pasado 20 de decembro.

Fegapan, a agrupación que promoveu o recoñecemento da IXP Pan Galego, converteuse así na primeira entidade en analizar o borrador do regulamento que elaborou a Consellería. O director de Agacal e os representantes das panaderías tradicionais tamén examinaron a posible composición do consello regulador provisional no que, ademais dos panadeiros, deben estar presentes os produtores de trigo e os muíños de fariña.

Tras a reunión de hoxe, a Consellería do Medio Rural manterá contactos con outras asociacións de panadeiros, agricultores e produtores de fariña para poder pechar en breve un borrador da orde pola que se aprobará o regulamento da IXP Pan Galego e o seu consello regulador, así como o nomeamento dun consello provisional.

Unha vez se publique a orde no Diario Oficial de Galicia (DOG) procederase á apertura dos diferentes rexistros que englobarán os produtores de trigo, os muíños e as panaderías. O obxectivo é que neste mesmo ano 2020 se poida atopar no mercado produto identificado co logotipo da Indicación Xeográfica Protexida Pan Galego.

Medio Rural e Fegapan avanzan na redacción do regulamento e na constitución do consello...