O presidente do Goberno galego afirma que os galardoados representan o mellor espírito de Galicia e traslada os parabéns por seguir enriquecendo e universalizando a nosa cultura.

Os Premios da Cultura Galega homenaxean a Movida viguesa

O acto de entrega dos Premios da Cultura Galega 2019 este ano renderonn homenaxe á Movida viguesa, un movemento social, artístico e cultural que abriu as fiestras a aires máis renovadores naquela Galicia dos anos 80.

 Feijóo quixo trasladar os parabéns a todos os galardoados, dándolles as grazas por seguir enriquecendo e universalizando a nosa cultura. “Unha cultura sen sectarismos nin exclusións que reflicte fielmente a maneira de ser dos galegos: un pobo curioso e aberto que ve na cultura propia unha valiosa ponte para mostrar o noso ao mundo e para, ao mesmo tempo, aprender e inspirarnos do alleo”, dixo.

Deste xeito, o presidente da Xunta referiuse, primeiramente, ao proxecto Galego en Londres, desenvolvido por un grupo de alumnos de lingua e cultura galegas do Instituto Español Vicente Cañada Blanch de Londres, e que supón un gran pulo ao coñecemento da lingua e cultura da nosa terra no mundo. Así como a traxectoria de Amancio Prada, “outro exemplo de que a nosa terra carece de fronteiras”; de Alonso Montero, “unha figura esencial das nosas letras e na Galicia contemporánea”; e da escultora Soledad Penalta, avantaxada discípula de Isaac Díaz Pardo.

Feijóo valorizou tamén o proxecto 21 días co galego, da profesora de lingua e literatura galega do IES da Pobra do Caramiñal, Pilar Ponte Patiño, cuxo obxectivo é animar aos mozos do instituto a expresarse en galego durante tres semanas, actuando así a prol do idioma nun tramo de idade vital para o futuro da lingua.

No acto, o responsable do Executivo galego invitou a todos a ver O sabor das margaridas, non só por ser a primeira serie integramente en galego, incluída no catálogo de Netflix, senón tamén pola súa interesante trama, pola súa estética e pola beleza das paraxes naturais onde se ambienta.

Logo de salientar a restauración do Pórtico da Gloria e, con el, a recuperación do sorriso máis fermoso do Románico: o sorriso de Daniel, como un dos fitos máis importantes con respecto á nosa cultura e ao noso patrimonio, Feijóo tivo tamén palabras de recoñecemento para o traballo de Monicreques de Kukas, a compañía profesional de teatro de obxectos máis antiga de Galicia e cuxas obras presentan un carácter didáctico e social e, ademais, contribúen á normalización do galego coa difusión nesta lingua dun fascinante universo creativo particular.

“Grazas a todos por ser ilustres viaxeiros do extenso e variado camiño que presenta a cultura galega”, concluíu o presidente da Xunta, incidindo en que todos os premiados representan “o mellor espírito de Galicia”.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada