A nena e o grilo máis aló.

A nena e o grilo máis aló, teatro sobre os medos e o valor da amizade para escolares

Afundación, a Obra Social de ABANCA, continúa coa programación de representacións teatrais para escolares con A nena e o grilo máis aló, unha proposta de Magín Blanco que fusiona música e teatro en galego. A representación será mañá xoves 9 de xaneiro no Auditorio do Teatro Afundación de Vigo con dúas sesións, ás 10.00 e ás 12.00 h.

Case 900 alumnas e alumnos de 19 centros escolares de Vigo e arredores acudirán a ver esta obra na que a cooperación, a amizade, a tolerancia e a superación dos medos desempeñan un papel fundamental. Os protagonistas esmagan sen querer á súa amiga Xertrude A Araña. Buscando unha maneira de devolverlle a vida, atópanse cuns artistas ambulantes que os guiarán a través da maxia e da música ao País dos Mortos. Alí tentarán atopar a Xertrude para traela de volta.

EDUCACIÓN EN VALORES

Esta actividade enmárcase dentro do proxecto global de educación en valores de Afundación. Partindo da importancia da escola como centro de aprendizaxe, as propostas da Obra Social de ABANCA pretenden complementar o ensino académico, especialmente a instrución, presentando uns espazos e unhas actividades que conxuguen o lúdico e o formativo co fortalecemento de valores esenciais para unha sociedade cohesionada. Deste xeito, a entidade está comprometida coa tolerancia, co respecto, coa solidariedade e, por suposto, coa adquisición por parte de cada estudante das ferramentas necesarias para perseverar na consecución da súa autonomía persoal.

A propostas da Área Educativa de Afundación, nas que participan anualmente máis de 136.000 escolares, abarcan múltiples disciplinas e fomentan o desenvolvemento de competencias transversais. Así, o seu programa inclúe actividades culturais en artes escénicas e plásticas e de fomento da lectura; actividades interxeracionais que reforzan o respecto e o intercambio de coñecementos entre mocidade e xente maior; actividades de educación ambiental para abordar a importancia do respecto polo medio; actividades de novas tecnoloxías, necesarias para o emprego das ferramentas imprescindibles nunha contorna que innova de maneira permanente; e actividades de cociña que ensinan os beneficios dunha alimentación saudable.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada