O poeta e narrador Antonio García Teijeiro, un dos máximos representantes da Literatura Infantil e Xuvenil galega dos últimos anos, categoría na que recentemente foi recoñecido co Premio Nacional.

Premio Nacional de Literatura infantil García Teijeiro en Ponteareas

O poeta e narrador Antonio García Teijeiro, un dos máximos representantes da Literatura Infantil e Xuvenil galega dos últimos anos, categoría na que recentemente foi recoñecido co Premio Nacional, estará o próximo venres, día 10 de xaneiro, no ciclo literario ‘Venres D_letras’, organizado pola Concellería de Cultura ponteareán.

García Teijeiro achegarase a Ponteareas para presentarnos unha antolóxica da súa obra para adultos: “Pasando as follas do tempo (Antoloxía poética 1987-2017)”, editada por Belagua. Trátase dunha escolma da que, con toda probabilidade, é a súa faciana menos coñecida: a súa poesía para adultos, agochada tras do enorme éxito dos seus traballos para a mocidade. Esta escolma abrangue dende os anos 80 ata a actualidade e representa un paseo polo interior do home.

Son poemas profundos e ben deliñados nos que o autor amosa a súa alma espida e mailas cicatrices que a vida deixou nela, exhibindo o desacougo dun home sensible e desconcertado pola deriva dunha sociedade que manca. Ao mesmo tempo, achegámonos á evolución do seu propio pensamento así como da súa poética, cada vez máis minimalista e profunda, máis diáfana e concisa.

A poesía de García Teijeiro achégase máis ao concepto de sinceridade que ao de tristura, pois desborda autenticidade. Son versos nos que, a cotío, se albisca unha luz de esperanza, unha raiola de sol no medio da tormenta de sensacións que provoca a lectura.

Son versos reflexivos e pasionais que florean segundo se van facendo carne dentro de nós.

Antonio García Teijeiro, profesor, escritor e crítico, é un dos grandes poetas e narradores da literatura infantil e xuvenil galega, cunha extensa obra iniciada en 1988 e que supera na actualidade os 50 títulos. Conta no seu poder con premios tan relevantes como o Merlín, o premio europeo Pier Paolo Vergerio ou o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil de España. A súa obra figura, entre outras, na prestixiosa Lista de Honra do IBBY.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada