viernes. 19.04.2024

A Xunta de Galicia acaba de conceder, a través do programa do Igape Galicia Rural Emprende, axudas por 4 millóns de euros para apoiar 62 proxectos empresariais de emprendedores e autónomos vinculados a actividades non agrícolas no ámbito rural, que prevén desenvolver investimentos que suman 7 millóns de euros e que levan asociados a creación e mantemento de 168 empregos.

Os proxectos aprobados abranguen iniciativas dos sectores industriais das TIC, a automoción, o téxtil, o forestal, o medioambiental e o audiovisual. Así, entre as actividades que se desenvolverán están a prestación de servizos de dixitalización e deseño de pezas 3D e de I+D, unha plataforma de xestión de cargadores para vehículos eléctricos, a instalación de equipos industriais, o deseño de roupa e accesorios, servizos de xestión e aproveitamento forestal, a confección e o deseño ecolóxicos de toldos e servizos da industria cultural e de lecer.

Esta liña de apoios cofinanciada polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), súmase ao Galicia Emprende, que comparte o obxectivo de estimular o tecido empresarial galego e fomentar a xeración de emprego mediante o apoio á creación de empresas.

Mediante este programa e o Galicia Rural Emprende, en 2019 o Goberno galego está a destinar 9 millóns de euros a apoiar máis de 180 proxectos empresariais que mobilizarán máis de 20 millóns de euros.

Ao abeiro das dúas anteriores convocatorias (2017 e 2018), o Galicia Rural Emprende impulsou 118 proxectos empresariais de emprendedores e autónomos, coa concesión de axudas por importe de 7 millóns de euros vinculadas ao compromiso de creación e mantemento de 285 postos de traballo por parte das iniciativas apoiadas. Estas actuacións están a mobilizar preto de 13 millóns de euros.

Os emprendedores galegos contan tamén co apoio da plataforma StartIN, que agrupa a rede de espazos coworking e as aceleradoras verticais, e que nos últimos cinco anos leva impulsado máis de 1000 proxectos, ademais dos instrumentos financeiros innovadores (IFIs) e os préstamos participativos ou o capital risco que ofrece XesGalicia a través do fondo Galicia Iniciativas Emprendedoras.

A Xunta apoia 62 proxectos empresariais que mobilizarán 7 M€ a través do Programa...