viernes. 29.03.2024

O Consorcio de Santiago acaba de rematar as obras de

mantemento da ermida de Nosa Señora das Angustias, en Agualada de Marantes, realizadas

pola empresa Sergiu

Alexandru Tatarcán por un importe global de 29.645

euros.

Esta pequena capela

románica sitúase no Camiño Inglés de Santiago. Xa existe dende o século XII,

data á que pertence parte do presbiterio. No século XVI, ao demoler o claustro

románico da Catedral compostelá para construír o actual, un dos arcos levouse a

esta capela e consérvase facendo de arco de triunfo da mesma -é un arco

románico tallado pola escola do Mestre Mateo-.

A igrexa, reedificada

no século XVI, está dentro dun recinto murado co adro. Algunhas partes da capela

foron construídas entre os séculos XVI e XVIII. Resaltan os leóns que flanquean

a entrada e que lembran aos do Pórtico da Gloria da Catedral. E no interior do

inmoble destaca o seu retablo.

INTERVENCIÓNS

A capela mantíñase, en

xeral, en bo estado excepto a fachada exterior, que tiña a pedra

superficialmente deteriorada, polo que se limparon as catro fachadas e a espadana.

Por outro lado, o balado que

rodea o adro atopábase en mal estado, coa pedra invadida pola vexetación, de

xeito que se procedeu á súa

limpeza e restauración. No interior, a ábsida tiña as

partes baixas con manchas de humidade que afectaban de forma importante ao

retablo, polo que se formou unha gabia de drenaxe ao

redor da capela, co fin de resolver o problema da humidade. Así mesmo, levouse

a cabo a limpeza e consolidación do muro de cachotería que rodea a parcela da

igrexa.

A escaleira de subida

ao coro, estreita e con moita pendente, non tiña pasamáns, o que facía perigoso

o seu uso, de maneira que se instalou un. Ademais, pintouse a varanda do coro.

Tamén se pintaron as lámpadas de ferro e os vellos mobles da sancristía.

O falso teito da

sancristía, de madeira, tiña manchas de humidade debido a problemas no tellado.

Así, renovouse a súa cuberta, coa

instalación dunha cambota de luz para poñer en valor as pilastras medievais da

cabeceira da igrexa, que estaban ocultas polo falso teito. Cando mellore o

tempo, pintaranse as tres fachadas do corpo da sancristía.

Rematan as obras de mantemento na ermida de Agualada de Marantes