sábado. 20.04.2024

Co obxectivo de consolidar as rutas do Camiño de Santiago na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal e impulsar o seu aproveitamento sustentable como un recurso patrimonial cultural e natural transfronteirizo, Galicia acolle hoxe as primeiras accións do proxecto europeo Fazendo Camiño no que a Xunta participa xunto a Turismo Porto-Norte de Portugal, a Dirección Rexional de Cultura do Norte e a Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal.

Ao abeiro deste proxecto, a Xunta asesorará ao país luso na súa xestión, sinalización, mantemento, promoción e divulgación ao redor do Camiño de Santiago. Por iso, as primeiras iniciativas consisten en reunións técnicas que se desenvolven en Galicia para dar a coñecer o modelo de xestión en Galicia así como os traballos de cara ao vindeiro Ano Santo, coa participación da comisaria do Xacobeo 2021, Cecilia Pereira, que hoxe explicou en que consiste a convocatoria O teu Xacobeo. Mañá realizaranse visitas de campo para coñecer a rede pública de albergues da Xunta, amosando o traballo levado a cabo na rehabilitación de inmobles para a acollida de peregrinos tomando como exemplo o Camiño de Fisterra e Muxía.

Fazendo Camiño foi aprobado no marco da segunda convocatoria do Programa Interreg V (POCTEP) desenvolverase ata o ano 2021, cunha serie de actividades que buscan mellorar a xestión conxunta e a afluencia turística do Camiño de Santiago, así como incrementar a implicación local na conservación e protección da Ruta Xacobea.

Entre as distintas actividades programadas incluirase a creación en Portugal do Consejo Luso-Galaico do Camiño de Santiago no que estarán representados todos os beneficiarios que buscará lograr o recoñecemento institucional que precisan as rutas xacobeas en Portugal para o seu desenvolvemento ordeado e sustentable.

ESTUDOS DO CAMIÑO


En virtude deste programa tamén se prevé a realización de estudos e análises estatísticos que permitan coñecer as particularidades do Camiño de Santiago en territorio luso e galego que sirvan como base dunha estratexia transfronteiriza conxunta atendendo a todas as compoñentes da Ruta Xacobea, tanto territorial como turística, económica e patrimonial.

Este proxecto encaixa nos obxectivos plasmados no Plan Estratéxico Xacobeo 2021 no que a Xunta de Galicia traballa coa vista posta no Ano Santo para protexer e divulgar todas as rutas de peregrinación e afondar na colaboración e coordinación entre distintos países. Ademais, o Camiño Portugués e a súa variante costeira son dous dos itinerarios que máis están a medrar nos últimos anos. Son o segundo e o terceiro máis percorridos e, a falta dunhas semanas para que remate o ano, suman máis de 94.000 peregrinos, un 27% do total dos peregrinos que recolleron a Compostela.

Galicia asesorará a Portugal na xestión e promoción do Camiño de Santiago