sábado. 20.04.2024

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, aseverou hoxe que Galicia seguirá apostando pola estabilidade e as certezas como marco necesario para o emprendemento e para poder abordar os retos do futuro. “Queremos que as empresas poidan facer previsións e investir”, incidiu.

Durante o acto de proclamación dos finalistas da zona de Galicia do Premio EY Emprendedor del año 2019, Feijóo incidiu en que a estabilidade, en definitiva, permite competir, prever, abordar os desafíos e apoiar aos emprendedores. E reeditou o compromiso cun modelo baseado na normalidade, a estabilidade e a aposta polo interese xeral.

No tocante ao finalista, Aluminios Cortizo, o presidente da Xunta subliñou que “estamos a falar dunha empresa que escolle o camiño da unión e o compromiso, que os converte en referente europeo no sector. Un compromiso que fai que xa estea presente en 60 países, que dea traballo a máis de 3.000 persoas e lle fixo alcanzar en 2018 un novo récord de facturación, con 636 millóns de euros”, resaltou, engadindo tamén a demostrada aposta pola internacionalización e a innovación.

Recordou Feijóo que a Xunta remitiu ao Parlamento uns orzamentos en tempo e forma; e referiuse tamén á posta en marcha da Lei de implantación empresarial, que establece un procedemento único para a tramitación administrativa, en colaboración cos Concellos Emprendedores; ao Plan de formación, que ofrece unha formación flexible e dual adaptada ás necesidades das empresas, á Axenda Industria 4.0, dotada con 350 millóns de euros, para ter unha Galicia máis competitiva, máis dixital e internacionalizada; e ao Plan Innova, para apostar pola innovación e o talento.

Así mesmo, salientou o compromiso da Comunidade cos autónomos, desde o inicio da súa actividade ata o seu día a día: con axudas desde 2.000 a 4.000 euros para o seu establecemento; con axudas á consolidación, co Bono autónomo; ou con axudas á conciliación, que permiten financiar durante 12 meses a contratación dunha persoa que estea cubrindo a baixa por maternidade ou paternidade. Unha bonificación que amplía en 52 semanas a bonificación de 16 semanas do Estado.

Diante do tempo de incertezas que se está a vivir en España, o presidente da Xunta concluíu lembrando que a interinidade permanente socava a nosa capacidade de responder aos desafíos que nos convocan como sociedade, alimenta o escepticismo e a prudencia ante un horizonte pouco previsible e xera un marco inestable que nos afecta economicamente.

A Lei de implantación empresarial establece un procedemento único para a tramitación...