jueves. 28.03.2024

Como cada ano con motivo da celebración do Día da Constitución, que será

mañá venres 6 de decembro, o Concello de Mos dende a concellería de Educación

que dirixe a edil Julia Loureiro, organiza un Pleno Infantil no que o alumnado

mosense fai as veces de Corporación Municipal, secretario/a municipal,

interventor/a municipal e público asistente.

Esta mañá no Pazo de Mos celebrouse este tradicional Pleno Infantil no que

participaron 63 alumnos/as de 6º curso de Primaria dos colexios Mestre Martínez

Alonso de Castro-Mos e Mestre Valverde Maio de Sanguiñeda. 17 destes 63 alumnos

representaron á Corporación Municipal, 2 aos secretario/a e interventor/a

municipais e o resto fixeron de público. A alcaldesa, secretaria e interventora

foron 3 nenas, simbolizando a cada vez máis ampla presenza feminina na vida

política en xeral e na local en particular. A rexedora local por un día foi a

nena Helena Bello Rodríguez.

Na orde do día tratáronse os puntos de resolucións de alcaldía,

comunicacións de alcaldía, dúas mocións e rogos e preguntas.

Os/as alumnos/as distribuíronse en grupo de goberno e grupo da oposición.

Cada un dos dous grupos presentou unha moción en Pleno. A moción do grupo CEIP

Mestre Martínez Alonso foi a titulada “As tarefas son precisas”, a moción do

grupo do CEIP Mestre Valverde Maio tratou sobre “Seguridade

viaria”.

Como xa se dixo, nesta actividade participaron un

total de 63 nenos/as: 40 alumnos/as de 6º de Primaria do CEIP Mestre

Martínez Alonso e 23 alumnos/as tamén de 6º curso do CEIP Mestre Valverde Maio.

Tamén estiveron presentes a

alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, a concelleira de Educación, Julia Loureiro, e

os tamén edís mosenses Begoña Toucedo e Baldomero Lorenzo.

Decembro é un mes cheo de festividades. Unha

delas, o Día da Constitución e festivo nacional, que conmemora a celebración do

referéndum de 1978 na que se aproba a Constitución Española que se atopa

vixente na actualidade. Tamén temos a semana na que se celebra o Estatuto de

Galicia, do 3 ao 7 de decembro. En relación con estas conmemoracións e tendo en

conta ademais a celebración do día 20 de novembro (Día Internacional dos Dereitos

do Neno), o Concello de Mos considera importante traballar co alumnado do mesmo

a importancia das reunións plenarias, que se celebran en cada concello

periodicamente.

O obxectivo é que o alumnado coñeza dunha maneira

máis clara e participativa o funcionamento dos distintos órganos de

goberno,  as funcións e a sala de Plenos

do Pazo. Conseguimos así un acercamento da administración ao colectivo escolar.

Traballar estes aspectos, crean no alumnado unha conciencia crítica e unha

visión máis obxectiva e real do que é a xestión municipal, no día a día. 

Preténdese con esta iniciativa que o alumnado

mosense poida coñecer as dependencias e funcionamento das sesións plenarias do Concello

de Mos, aprender de forma diferente, potenciando a argumentación e o razoamento,

observar e coñecer aspectos básicos de conversación e razoamento: diálogo,

debate, organización dos puntos a tratar no Pleno; traballar cooperativamente

con alumnado doutros centros educativos do Concello de Mos, fortalecer o

pensamento lóxico e motivar ós alumnos a través dunha experiencia real e

práctica.

Foron a 

alcaldesa, os concelleiros e concelleiras, os primeiros en expoñer a súa

función ao alumnado, a organización e convocatoria do Pleno, orde do día,

presentación dunha moción, e rogos e preguntas.

Posteriormente foi o alumnado elixido de cada

centro escolar (en proporción ao número do alumnado de cada centro) os

encargados levar a cabo o Pleno Infantil cos temas que se lle propoñían e as

funcións propias dos membros do Pleno (secretario/a, interventor/a, goberno,

oposición…).

De forma activa e participativa, o alumnado expuxo

o tema a defender, facendo unha xustificación completa que deu lugar a debate e

intervención por parte dos portavoces dos outros grupos.

Na moción sobre se “As tarefas son precisas” centráronse

en defender que as tarefas escolares excesivas non son beneficiosas e que, en

exceso, non só non aumentan os bos resultados académicos, senón que poden

perxudicalos.

Cada centro defendeu un dos dous temas e tivo a

oportunidade de manifestarse a favor ou en contra da proposta do outro grupo e leváronse

a votación.

Unha corporación mosense moi rexuvenecida