De esquerda a dereita, o director xeral de Lanzadera, Javier Jiménez; o director de Innovación de ABANCA, Eduardo Aldao; a xerente de ABANCA Innova, Rosa Seoane, e o responsable de Lanzadera Corporate, Ismael Valero.

‘Corporate’, impulsor de startups con ideas innovadoras nos sectores fintech e insurtech

ABANCA e Lanzadera, a aceleradora de empresas impulsada por Juan Roig, presentaron este martes en Vigo o programa ‘Corporate Lanzadera-ABANCA’, una iniciativa que busca impulsar startups con ideas innovadoras nos sectores fintech e insurtech.

O director de Innovación de ABANCA, Eduardo Aldao, a xerente de ABANCA Innova, Rosa Seoane, o director xeral de Lanzadera, Javier Jiménez, e o responsable de Lanzadera Corporate, Ismael Valero, foron os encargados de presentar este programa no que, a partir de hoxe, poden apuntarse todos aqueles emprendedores e empresas emerxentes que se atopen desenvolvendo propostas nos sectores financeiro e de seguros.

No sector fintech, o programa ten o obxectivo de atraer startups que estean a innovar nas áreas de medios de pago, Customer Engagement, solucións para empresas, xestión de patrimonios, ‘neobancos’ e mercado de capitais; mentres que en insurtech busca empresas centradas nas áreas de novos produtos, detección de fraude, análise de datos, automatización de procesos e experiencia de clientes.

“É un gran reto colaborar con Lanzadera para buscar ideas e emprendedores que queiran axudarnos a innovar e transformar o sector financeiro e de seguros. Este acordo reforza a nosa aposta pola innovación e permítenos seguir avanzando na nosa estratexia de transformación dixital”, sinalou Eduardo Aldao durante a súa intervención.

Pola súa banda, Javier Jiménez destacou: “estamos moi ilusionados con este acordo, o cal nos permite colaborar cunha gran entidade como ABANCA na procura de talento emprendedor en dous sectores clave e de gran desenvolvemento e proxección. Estou seguro de que atoparemos emprendedores que presenten propostas innovadoras”.

O programa ‘Corporate Lanzadera-ABANCA’ está concibido como complemento á estratexia de innovación da entidade financeira, que en Galicia conta desde 2017 coa súa propia aceleradora de startups, ABANCA Innova.

ABANCA convértese así na primeira entidade financeira en pechar un acordo Corporate con Lanzadera, que xa está a levar a cabo outros con destacadas firmas de proxección internacional.

Corporate Lanzadera-ABANCA

A convocatoria para inscribirse no programa Corporate Lanzadera-ABANCA comeza hoxe e as candidaturas poderán apuntarse a través da web de Lanzadera até o 23 de marzo de 2020. A entrada de emprendedores no programa, que conta cunha duración de até 11 meses, será en maio de 2020.

En concreto, o programa ten o obxectivo de acelerar empresas con distintos graos de madurez: proxectos en construción en ‘fase papel’; startups con produto en desenvolvemento ou cos seus primeiros clientes; e ‘scale-ups’ co equipo formado, co seu produto testeado ou cunha carteira de clientes xa definida.

Lanzadera proporcionará ao emprendedor formación e asesoramento, acceso a relatorios e eventos, e dispoñibilidade total das súas instalacións. Os equipos seleccionados contarán así cunha zona de traballo e contacto continuo con outros emprendedores. Ademais, as empresas disporán dunha bolsa económica para desenvolver unha proba de concepto con ABANCA.

Igualmente, a entidade financeira asignará ao programa Corporate Lanzadera-ABANCA persoal especializado para o asesoramento e seguimento da evolución dos proxectos seleccionados. ABANCA, conxuntamente con Lanzadera, seleccionará aos participantes. O programa é ‘equity-free’, polo que as startups non terán que ceder ningunha porcentaxe da súa empresa.

ABANCA e a innovación


Desde 2017 a entidade financeira conta co seu propio centro de innovación en Galicia, ABANCA Innova. Desde a súa creación, consolidouse como centro de actividade multipolar destinado a fomentar o desenvolvemento da innovación e a tecnoloxía.

Ademais dun programa de aceleración para startups do sector financeiro e de seguros, ABANCA Innova acolle outras moitas actividades englobadas en dous grandes bloques: o Programa de Intraemprendemento interno, orientado ao desenvolvemento de proxectos ideados por empregados do banco, e o Observatorio de Tecnoloxías Emerxentes.

Nestes tres anos, ABANCA Innova organizou uns 180 eventos con máis de 2.000 asistentes nos que participaron 950 empresas, 400 delas emerxentes. Como incubadora, ABANCA apoiou 8 empresas e acelerado 9 startups, dúas delas, Senseitrade e Tokapp, tiveron un investimento directo do programa a través de ABANCA Invest.

Este ano, ademais, a entidade financeira impulsou a posta en marcha do programa de aceleración de startups de ABANCA Innova en Portugal. No país luso, a entidade financeira conta co apoio de Fintech Portugal para levar a cabo este proxecto.

Sobre Lanzadera / Marina de Empresas


A incubadora e aceleradora de startups Lanzadera forma parte, xunto con EDEM Escuela de Empresarios e a sociedade de investimento Angels, do polo de emprendemento Marina de Empresas. Trátase dunha iniciativa de Juan Roig, situada na Marina de València, que ten a misión de formar, asesorar e financiar aos emprendedores de hoxe e de futuro e que constitúe unha aposta pola creación de riqueza, o emprego e o fomento da cultura do emprendemento.

Lanzadera ofrece diferentes programas en función da tipoloxía e da madurez das empresas e os proxectos. Con este, conta xa con 10 acordos Corporate con outras grandes compañías de proxección internacional e de diversos sectores nos que se brinda aos emprendedores a posibilidade de resolver novos retos de innovación que estas expoñen. Para formar parte dos programas, os emprendedores poden enviar o seu proxecto a www.lanzadera.es.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada