jueves. 25.04.2024

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, sinalou hoxe en Pontevedra, na presentación dos datos da cadea forestal-madeira do ano 2018, elaborados en colaboración coa Escola de Enxeñaría Forestal da Universidade de Vigo, que a Xunta aposta por abrir novas liñas de negocio para a industria forestal vinculadas á economía circular e á bioeconomía.

No día no que se inicia en Madrid o Cumio do Clima, Conde apuntou que o emprego da madeira en eidos como a construción permite avanzar na loita contra o cambio climático, e resaltou que a Xunta está a dar exemplo, coa utilización da madeira na construción dos futuros centros de saúde do Porriño e Moaña. Tamén se aposta pola madeira na ampliación do centro de saúde da Laracha, na Galiña Azul da Estrada, no edificio administrativo da Universidade de Vigo, e nas instalacións da Xunta en San Caetano. O conselleiro de Economía, Emprego e Industria anunciou ademais que se vai dar oportunidades aos mozos e mozas para que constrúan vivendas no rural en madeira.

Para seguir avanzando neste eido, fixo fincapé no traballo en colaboración co Clúster da Madeira e o Deseño e os centros tecnolóxicos e de coñecemento no desenvolvemento de proxectos en materia de innovación, no marco da Axenda da Industria Forestal.

Tal e como se sinalou na presentación de hoxe, a industria forestal galega continúa a crecer, e así, en 2018 a facturación ascendeu ata os 2.300 millóns de euros, un 2% máis que no 2017. Avánzase así cara ao obxectivo fixado dun crecemento do 6% para o período 2019-2021. Ademais, o emprego medio na cadea forestal aumentou un 4,8% respecto a 2017, contando con case 22.000 asalariados directos.

A aplicación da madeira no ámbito enerxético tamén obtivo un gran resultado no ano 2018, coa capacidade de produción enerxética de biomasa en Galicia cunha demanda de 479.000 toneladas anuais. A previsión é que esta cifra se cuadriplique no 2021, ata os preto de dous millóns de toneladas, o que demostra o recoñecemento crecente dun material que antes non se aproveitaba.

Segundo remarcou o conselleiro, estes datos reforzan o compromiso por traballar por unha Galicia máis verde, capaz de facer compatible a actividade industrial coa protección do medio ambiente. Conde apuntou que o sector debe continuar apostando pola diversificación, de modo que se abran novos mercados tanto nacionais como internacionais. Así, sinalou as novas aplicacións nas que se está a traballar, en ámbitos como no sector enerxético, no naval, a automoción ou o téxtil, así como no uso da madeira no deseño e na saúde.

Desde a Xunta, a través da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), téñense destinado neste 2019 máis de 11 millóns de euros a tres programas de axuda para incorporar maquinaria e mellora de procesos e produtos, ademais de para impulsar a formación do sector. A Consellería de Economía, Emprego e Industria apoia tamén diferentes proxectos de innovación, como a Unidade Mixta O Eixo, e o traballo que realiza o clúster.

A facturación da cadea forestal-madeira ascendeu o ano pasado ata os 2.300 millóns de...