miércoles. 24.04.2024

Luís Paadín é como as andoriñas. Volve a Salvaterra, polo menos dúas veces ao ano, en agosto na Festa do Viño e en decembro para a Festa dos Viños Espumosos. Este ano non foi excepción.

Faino como coordinador de actividades, encargado pola Confraría do Viño do Condado do Tea e Espumosos xa que o peso da festa o leva o Concello de Salvaterra de Miño. No programa planificou dúas catas de espumosos para profesionais do sector, probas de “altísimo nivel”, refire. Por iso, como director de cata non tiña que “levalos da man. Eles cataban e facían a comparativa. E todos, en conxunto, reafirmábamonos nas diferenzas”. Padín, na primeira xornada de onte, deulles a catar catro espumosos, en cata a cegas: Champagne, Cava, Espumante de vinho verde e espumosos de DO Rías Baixas. Os 20 alumnos comprobaron que “é sinxelo pero, á vez, é difícil ver as diferenzas. E estas faranos entender por que o noso produto, que é moi semellante ao que fan os nosos veciños lusos, pero que defire moito do Champagne, non é mellor nin peor. Ademais non temos que pedir perdón. Na segunda sesión de cata, este sábado, “probarán unha trintena de espumosos dun lado e doutro...e hai que fiar moi fino”.

Luís Paadin estivo desde o nacemento desta Festa dos Viños Espumosos Rías Baixas e recorda toda a evolución ata a actual, sexta edición.  “Vir aquí todos os anos permite darte conta de como esta Festa vai a máis, cando ves como reúne miles de persoas a desfrutar dos nosos viños. Esta é a mellor maneira –entendo- de facer país, ou como din os franceses ‘terroir’”, o noso 'terruño'. E engade: “Non é só froito dun solo, dun clima, dunhas castes senón de que elaboremos os nosos espumosos. Por iso, ver aquí xente xantando e desfrutando dos espumosos das adegas presentes creo que é unha parte moi importante. Todas as actividades van encamiñadas cara a isto”.

Paadín defende os nosos espumosos a capa e espada. “Na cata do venres cos técnicos, unha proba a cegas, puxemos un espumoso noso xunto a outros tres e preguntabamos cal deles cheiraba a Albariño e todos sinalaban o correcto. Porque iso é o noso, o propio. Non é mellor nin peor. Se alguén me di que por eses cartos prefire mercar Champagne, que o faga. Pero non vai cheirar a Albariño. A graza esta aí. Hai que saber transmitir isto”.

Este técnico en viticultura e enoloxía lembra que el é o primeiro embaixador do Champagne en España ou o Cabaleiro da Real Orde do Alvarinho en Portugal. “Non estou a negar a calidade dos outros. Emporiso, poño o acento no que son os nosos viños. A realidade é que os nosos non precisan ‘chatalizar’, isto é, engadirlle azucre para que consigan os 11 grados para elaborar o viño base do espumoso. Tampouco hai que acidificar. E, por riba, nos nosos espumantes atopamos aromas primarios. Niso somos semellantes ao Champagne. A diferenza está en que os aromas primarios do Champagne proceden doutras castes e non teñen por que parecerse. Colles un espumoso dos nosos ben feitiño e xa se poden recoñecer os aromas de froita, eses aromas exóticos, e conclúes: estou diante dun viño galego espumoso de Rías Baixas. Esta é a chave”.

Paadín sabe moi ben qué momento viven as adegas e os

adegueiros con estas producións de espumosos. “Polas contas que boto eu,

collendo informacións de aquí e acolá, en Galicia producimos unhas 250.000

botellas de espumoso entre todas as adegas que o elaboran. Practicamente nolo

estamos bebendo nós e ten un pouco de valor patrio. Os adegueiros están a ver

que van empezando a ter recoñecementos. Por iso xa están enfocándose cara a

iso. Ata agora no existían eses recoñecementos que veñen en forma de premios e

xa temos un montón de medallas de ouro e grandes premios moi importantes en

libre competencia con outros espumosos do mundo. Todo isto está a reafirmar aos

adegueiros”.

Por outra parte, “o viño máis tecnolóxico do mundo son os espumosos. Se temos un solo, un clima...que nos falta? Pois, aprender a facelo mellor. É o único que nos falta. É cuestión de tempo. A rexión de Champagne leva 300 anos e o Cava 200 anos. En cambio nós apenas 7-8 anos. Que nos dean un pouquiño de tempo e xa verán!”

“Os adegueiros estanse a dar conta de que non só os viños teñen que estar ben feitos na adega, senón que hai logo un proceso de mantelo alí un ou dous anos como fan na rexión da Champagne. Alí cada vez que se fai un degolado (eliminación das lías depositadas no pescozo da botella) queda o espumoso na adega porque se non está axitado. Se os adegueiros queren chegar ao mercado, teñen que ter un inmobilizado. É máis custoso polo espazo que ocupan as botellas e por outros custos. Ademais a uva Albariña é unha uva cara, polo tanto os prezos dos nosos viños son acordes co esforzo e os custos económicos que teñen”, razoa Paadín.

E pensa nun espumante con 60 meses (5 anos) que cada un que o toma deseguida se pregunta, que hai aquí? Como é posible? “Iso é posible grazas a unha caste, a un solo, a un clima...Témolo todo para facer un dos mellores espumosos do mundo, só e cuestión de tempo”, conclúe.

Non podemos deixar a entrevista sen falar da afamada guía de viños que elabora Paadín con todo o seu equipo, ‘Guía de Vinos, Destilados e bodegas de Galicia’ que acaba de obter o premio International Wine Challenge Merchant Awards. “É un galardón do mundo anglosaxón e considérase como os óscares dos viños. Optan ao premio viños, persoas e guías. De España só concursan dúas guías, ‘A Semana Vinícola’, una fantástica edición, e nós. Isto di moito. Nós xa tiñamos o premio Winner Gourmand. Ademais a nosa Guía non ten publicidade”, explica. O día 13 de decembro vai ser presentada a edición de 2020 e poderase mercar en librerías e en plataformas de distribución.

Luís Paadín, técnico en viticultura e enoloxía: “Témolo todo para facer un dos mellores...