jueves. 28.03.2024

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, referiuse esta tarde ao financiamento como asunto prioritario na nova etapa que hoxe inaugura a Fegamp e no municipalismo galego do noso tempo, cooperador, dialogante e construtivo.

Durante a clausura da X Asemblea Xeral da Fegamp, Feijóo aseverou que a Xunta sempre estará á disposición da Federación Galega de Municipios e Provincias, para dialogar e continuar avanzando. “A Xunta de Galicia esfórzase por practicar un autonomismo cooperador”, dixo, reflectido no Fondo de Cooperación local, dotado con arredor de 135 M€.

Ademais do financiamento, Feijóo subliñou que tamén están sobre a mesa moitos outros asuntos como a loita contra a vespa velutina, o despregamento da rede de resposta ante as emerxencias, a introdución das novas tecnoloxías, os avances en transparencia, así como traballar polo rural e por paliar o problema demográfico.

“En todos eles poderase contar coa Xunta e en todos eles estamos convencidos de que nos irá mellor con diálogo franco, cunha cooperación intelixente e cunha lealdade intrainstitucional, e traballando cóbado con cóbado a prol de Galicia”, expuxo.

Sen abandonar o eido do financiamento, o presidente do Goberno galego recordou que o financiamento local e o autonómico están indisolublemente asociados, e ambos vense afectados pola inestabilidade que sofre España. “A inestabilidade ten consecuencias e tamén as tería unha política hipotecada por privilexios territoriais que esquecera a igualdade que os españois teñen constitucionalmente recoñecida”, sentenciou, agradecendo que os concellos españois compartan a xusta reivindicación galega de que a Administración central do Estado devolva o IVE retido ás autonomías e municipios.

Ademais do incremento do Fondo de Cooperación local e o seu mantemento malia a baixada de ingresos durante a recesión económica, o responsable do Executivo autonómico quixo subliñar outros logros acadados como a unificación das convocatorias de prazas para policía local, a colaboración na loita contra a violencia de xénero, a ampliación dos Grupos de Emerxencia Municipal, a axenda social única e o pacto da paisaxe ou o pacto polo clima.

Ao longo da súa intervención, Feijóo incidiu en que no veciño converxe a cidadanía local, provincial, autonómica, nacional e europea; e se se suman, todas esas instancias multiplican o benestar da xente, mentres que se pola contra se restan, desperdiciaranse enerxías e acabarase erosionando a necesaria confianza nas institucións democráticas.

Nesta mesma liña, asegurou que tamén foi a fortaleza do municipalismo a que permitiu erguer unha democracia moderna e unha autonomía solvente, “e por iso cómpre renderlle un tributo aos que foron capaces de facer tanto con tan pouco”, dixo, en recordo de Manuel Soto e todos os concelleiros e alcaldes que abriron as portas dos concellos á democracia e protagonizaron outra transición que, con frecuencia, se esquece: a transición municipal.

“Manuel Soto e os rexedores que inauguran a democracia local atopan unhas institucións que foran maltratadas pola ditadura. Sen financiamento, sen competencias claras, cun escaso prestixio na poboación, os pais fundadores do municipalismo galego debían reverter esta situación, ao tempo que daban resposta ás demandas dos veciños. E fixérono”, lembrou o presidente da Xunta.

O Fondo de Cooperación local está dotado con arredor de 135 M€