viernes. 19.04.2024

A localidade de Gres, no concello pontevedrés de Vila de

Cruces, acollerá este martes 26 de novembro un dobre acto que servirá para

lembrar o escritor Xosé Neira Vilas no cuarto aniversario do seu pasamento, que

tivo lugar o 27 de novembro de 2015.

A partir das 11.00 horas renderáselle unha breve homenaxe

no cemiterio de Gres, tras a cal se presentará na sede da Fundación que leva o

nome do escritor o libro Xosé Neira Vilas. Vida e obra, publicado pola

editorial compostelá Bolanda. Ao acto acudirá un grupo de alumnas e alumnos do

colexio público do Foxo (A Estrada), centro co que Neira Vilas sempre mantivo

un vínculo moi especial, e que nesta ocasión ofrecerán unha pequena

representación teatral.

Libro biográfico e

audiolibro de Contos vellos…

O libro presenta unha biografía do prezado autor cun

amplo álbum fotográfico destinado especialmente a dar a coñecer a figura de

Neira Vilas ás novas xeracións. Pero ademais, a publicación incorpora un código

para acceder a un dos títulos máis destacados do autor, Contos vellos para

para rapaces novos, en formato audiolibro. Unha boa forma de achegarse a

unha obra na que Neira Vilas recompilou algúns dos contos máis destacados da

tradición oral dos cinco continentes.

A sede da Fundación, casa natal de Xosé Neira Vilas e que

acolle o Centro Cultural de Gres, continúa, con este novo acto, coas tarefas de

difusión e promoción da obra do autor das Memorias dun neno labrego que

se concretan a través das actividades culturais desenvolvidas durante todo o

ano.

'Xosé Neira Vilas. Vida e obra', un libro que inclúe un código de descarga da obra...