miércoles. 01.05.2024

O Consello de Ministros do pasado venres encomendou á sociedade mercantil estatal Aguas de las Cuencas de España, S.A (Acuaes), dependente do Ministerio de Transición Ecolóxica, a realización das obras de ampliación da depuradora de Ponteareas así como a renovación dos dous colectores principais. As obras terán un coste estimado de 7,5 millóns de euros.

O Consello de Ministros xustifica a decisión na “necesidade urxente desta actuación de saneamento” para dar resposta ás esixencias europeas no tratamento de augas residuais. A actuación inclúese nun paquete de obras “prioritarias” a realizar noutros tres concellos galegos: a Illa de Arousa, Poio e Sanxenxo.

Respecto ao financiamento das obras, a previsión é que a Unión Europea, a través do Estado, asuma o 60% do coste total. Para o 40% restante, o Concello aportará o 20% e a Xunta de Galicia outro 20% a través dun convenio pendente de asinar. O financiamento europeo fixa no ano 2023 o límite para o remate das obras e a entrada en funcionamento da depuradora ampliada.

O Alcalde de Ponteareas, Xosé Represas amosouse satisfeito coa decisión do goberno do Estado e lembrou que este logro “é o resultado do traballo e das negociacións que levamos adiante no mandato anterior”. O rexedor municipal lembrou que a depuradora verte ao Tea augas sen depurar ao recibir máis caudal do que pode tratar. “Este problema existe desde a súa inauguración en 1995 porque foi mal dimensionada na súa orixe. Agora poremos solución a este problema histórico que herdamos”, sinalou Represas quen engadíu que “neste mandato a recuperación ambiental do Tea e a súa posta en valor como espazo natural e de uso social é unha das nosas prioridades políticas”.

O Consello de Ministros encarga a obra de ampliación da depuradora de Ponteareas