martes. 23.04.2024

A cuarta edición da mostra de improvisación oral en verso 'De Repente, en Compostela',  que impulsa a asociación ORAL de regueifa, coa axuda da Deputación da Coruña, terá como núcleo temático o encontro do repentismo galego-portugués.

Durante tres días, -18, 19 e 20 de novembro-, diferentes actividades dirixidas a todos os públicos e con repentistas da Galiza e de Portugal, nun encontro interxeracional,  convertirám Compostela na capital da improvisación cantada galego-portuguesa.

O martes, 19, tres experiencias educativas que teñen como obxectivo modernizar e actualizar o repentismo nos seus territorios van ser protagonistas do encontro central. Un festival reunirá a "Regueifesta" da Galiza, o "Festcordel" de Avanca (Portugal) e o "Projeto Repentismo" da illa da Madeira. O espetáculo subirá ao palco as novas xeracións de repentistas, desde os 7 aos 17 anos, así como improvisadores experimentados da Galiza e Portugal. O acto terá lugar no auditorio do IES Rosalía de Castro, às 10.30.

A tarde é o momento para dúas mesas redondas onde falarán os protagonistas. Por un lado, falarán crianzas e adolescentes sobre a súa experiencia como revitalizadoras da cultura. Por outro, unha mesa redonda con profesorado e activistas analizará o momento actual do repentismo galego-português.

Un concerto fechará o dia, con protagonismo especial para dous músicos que participan do movemento improvisador da Madeira: Mário André e Roberto Moniz. O concerto-improvisación contará ademais coa participación doutras persoas convidadas. 

O mércores, a Mostra trasladarase a Baio, ao IES Maximino Romero de Lema, onde terá lugar o Encontro de Repente Interxeracional Galego-Portugués,  e no que participarán as novas xeracións bergantiñás da regueifa con varios regueifeiros de idade, ao lado dos repentistas portugueses. 

A IV Mostra 'De repente, en Compostela' une repentismo galego e portugués