sábado. 20.04.2024

Desde o 14 de novembro ata o sábado 16, máis de cen psicólogos e psicólogas participarán na XXIV Xornadas da Sección de Psicoloxía e Saúde do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, que nesta edición levan como título "A accesibilidade á atención psicolóxica durante e despois dunha catástrofe: a experiencia de Tui-Paramos".

O encontro, de carácter profesional, desenvolverase ao longo dos tres días no Edificio da Área Panorámica de Tui, onde se analizarán catro emerxencias recentes para avaliar a súa resposta no plano da atención psicolóxica: a explosión da pirotecnia ilegal de Paramos, o accidente do Alvia, os terremotos de Lorca (Murcia) e os incendios de Pedrógão Grande (Portugal). Estas xornadas contan coa colaboración do Concello de Tui e da Ordem dos Psicólogos Portugueses, e van dirixidas principalmente a profesionais da psicoloxía do ámbito da saúde (especialistas en psicoloxía clínica ou sanitarios), así como a membros do Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias (GIPCE) do COPG, que forma parte dos dispositivos de emerxencias do 112.

A intención é propiciar a reflexión e a análise en torno ás experiencias en intervencións realizadas en situacións de adversidade, tanto en Galicia como noutros territorios de España ou en Portugal. Desde esta análise preténdese sentar as bases dun protocolo consensuado de actuación psicolóxica postcatástrofe aplicable no ámbito autonómico. Este protocolo coordinaría as intervencións máis temperás coa asistencia a medio e longo prazo dentro do sistema público de saúde, co fin de que, se ocorrese unha nova situación de máxima adversidade, a intervención psicolóxica estea planificada e coordinada na área de saúde (xa desde os servizos de Atención Primaria) para tentar minimizar o impacto nas persoas afectadas e previr posibles problemas psicolóxicos posteriores.

PARAMOS E A DEMANDA SOCIAL

A orixe temática destas xornadas parte do malestar verbalizado polas persoas afectadas de Paramos ante a lentitude na resposta ás súas demandas de atención psicolóxica directa e preferente no Centro de Saúde de Tui, semanas despois do suceso, tras tela recibido nos primeiros días in situ polo dispostivo despregado polo GIPCE. Estas demandas das persoas afectadas reflicten a inexistente planificación e a ausencia de protocolos para a intervención psicolóxica post-catástrofe, a nivel sanitario tanto desde a atención primaria -onde non se presta atención psicolóxica- como desde a atención especializada.

A día de hoxe, en Galicia existe un protocolo de atención urxente e inmediata ás vítimas de catástrofes que se leva a cabo polas psicólogas e psicólogos que forman parte do GIPCE. Unha vez que este período de emerxencia finaliza, as persoas afectadas son atendidas no sistema de saúde mental ordinario, isto é, as Unidades de Saúde Mentais correspondentes, sen que exista a día de hoxe un protocolo ou planificación específicas que garanten unha atención psicolóxica inmediata e accesible ás vítimas no período postcatástrofe.

Esta falta de previsión fai que o tratamento farmacolóxico e non o psicolóxico (sendo igual de eficaz) sexa a primeira opción terapéutica, e ás veces a única, para paliar a sintomatoloxía derivada da adaptación á situación de perda dunha catástrofe, o que supón un maior coste ao erario público e maiores contraindicacións ás persoas afectadas. Cómpre que a atención psicolóxica ás vítimas das catástrofes sexa accesible e protocolizada, iniciándose no momento da catástrofe e que continúe no tempo ata a asimilación ou recuperación.

AS EXPERIENCIAS

Na tarde do xoves 14, as persoas asistentes poderán achegarse a dúas das experiencias a través de cadanseu obradoiro: “Intervención en trauma con nenas/os e mozas/os das zonas afectadas nos incendios de Portugal -Proxecto Pinhal do Futuro-”, e “Intervención grupal post-catástrofe nos sismos de Lorca”.

O venres 15 abrirá a sesión Daniel Maria Bugalho Rijo, doutor en psicoloxía da Universidade de Coimbra, para falar sobre o “Impacto das catástrofes na saúde mental”, a través da intervención psicolóxica realizada dende o “Proxecto Pinhal do futuro”. Trátase dun proxecto de estudo e intervención psicolóxica tras os devastadores incendios acontecidos hai dous anos en varios concellos de Portugal, no que conclúen que o 8% dos nenos, nenas e adolescentes das zonas afectadas sofren síndrome de estrés postraumático.

Ao longo do venres e na mañá do sábado, nas distintas mesas exporase as distintas experiencias. Primeiro será a quenda Paramos (durante e despois da catástrofe) coa intervención realizada polo GIPCE, a intervención desde o traballo social ou a Cruz Vermella, e coa participación de membros da Asociación de Afectados de Paramos.

A experiencia no caso do accidente do Alvia centrarase na intervención psicolóxica en hospitalización, e a responsable do programa de atención psicolóxica en atención primaria tras os sismo de Lorca indicaranos os protocolos que seguen. Tamén será obxecto de reflexión a importancia do coidado da saúde mental dos e das profesionais que traballan coas vítimas e a necesidade da formación psicolóxica doutras e outros profesionais de emerxencias.

A conferencia de clausura correrá a cargo de Julio Cesar Martín Garcia-Sancho, xefe de xestión da resposta de saúde mental tras os sismos de Lorca, que falará sobre a intervención psicolóxica postcatástrofe. En relación co protocolo de intervención psicolóxica postcatastrofe, presentarase por parte do Grupo de Traballo Postcatástrofes que vén de crear da Sección de Psicoloxía e Saúde do COPG, que dará a coñecer os obxectivos e pasos a iniciar.

Tamén se presentarán as comunicacións libres e pósteres que poden ser remitidas polos colexiados e colexiadas nas que se trate calquera temática relacionada coa psicoloxía clínica ou da saúde. As mellores, tanto en formato oral como escrito, recibirán un bono formación da Sección de Psicoloxía e Saúde por valor de 200 euros.

As Xornadas da Sección de Psicoloxía e Saúde son o encontro científico-profesional de maior antigüidade organizado polo COPG, desde as primeiras celebradas en 1996, que buscan promover o intercambio de experiencias e coñecementos desta área entre o colectivo profesional da psicoloxía e da saúde, así como promover a actualización científico-técnica en materias específicas. Esta iniciativa impulsada polo COPG está recoñecida como unha Actividade de Interese Sanitario por parte da Consellaría de Sanidade da Xunta de Galicia. Vai dirixida a psicólogas e psicólogos colexiados; estudantes de psicoloxía e outros/as profesionais interesados na temática a tratar.

A atención psicolóxica durante e despois das catástrofes reúne a máis de cen psicólogos...